12 de maio de 2026

TUI

Máis de 650 escolares participarán este mércores en Tui Le    

 É unha iniciativa organizada pola Biblioteca Pública Municipal e as bibliotecas escolares do municipio  




Infogauda / Tui

 Este mércores, 13 de maio, celebrarase a décimo sétima edición de “Tui Le”, unha iniciativa promovida pola Biblioteca Pública Municipal de Tui xunto coas bibliotecas escolares dos centros educativos de Tui. Trátase dunha xornada de actividades arredor do libro e a lectura que se celebra anualmente.  

 Nas actividades programadas participarán mais de 650 alumnos e alumnas do IES San Paio, IES Indalecio Pérez Tizón, CEIP nº 1, CEIP nº 2, CEIP de Pazos de Reis, CEIP de Guillarei, CEIP de Rebordáns, CEIP de Randufe, CEIP de Caldelas, CRA Mestra Clara Torres, e Colexio Santa María – Maristas. Dado o volume de participantes e a diversidade de idades haberá dúas quendas, unha para Educación Infantil e primeiros cursos de Primaria e outra para os últimos niveis de Primaria e os cursos de Secundaria.  

 Cada centro participante presentará un póster, elaborado polo alumnado, centrado este ano na conmemoración dos 800 anos da consagración da catedral de Tui. Moitos dos alumnos e alumnas participantes realizarán tamén durante esta actividade un intercambio de libros usados, promovendo así o acceso á lectura escrita.  

 Ás 10.30 h terá lugar a primeira quenda para o alumnado máis pequeno contándose  co espectáculo “Ollo Piollo”, un proxecto de Barafunda. Ollo Piollo é un grupo musical creado no 2021 co fin de dar unha alternativa galega musical ao público infantil. Formado por músicos e animadores, Ollo Piollo leva percorrido Galicia cos seus concertos divertidos e inesquecibles para todo o público. A segunda quenda será a partir das 11.45 h contándose con diversas actuacións a cargo do alumnado dos centros escolares.  

 A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, sinala que con esta nova edición de “Tui Le” o Concello segue apostando polo seu traballo a prol do libro e a lectura dende o convencemento de que é unha ferramenta básica para o desenvolvemento persoal e social. Ademais congratúlase por esta iniciativa singular de cooperación entre as bibliotecas escolares e a Biblioteca Municipal consolidada nestes anos de colaboración arredor da animación e promoción da lectura. Está actividade conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e forma parte da programación “Tui en Letras” que promove o Concello de Tui nos meses de maio e xuño.  

 A incerteza da previsión meteorolóxica obrigou a trasladar esta actividade  prevista inicialmente na praza de San Fernando ata o Teatro Municipal de Tui.

Ningún comentario:

Publicar un comentario