6 de maio de 2026

TOMIÑO

Aprazada a XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño por causas meteorolóxicas  

  Celebrarase do 22 ao 24 de maio na praza Pintor Antonio Fernández, de Goián coa mesma programación e o compromiso intacto co sector verde  



Infogauda/Tomiño 

 A  Feira de Cultivos do Baixo Miño ponlle ao mal tempo boa cara e moitas gañas e ilusión. Por causas meteorolóxicas e ante a previsión de choiva e mal tempo para os vindeiros días, o evento aprazarase un par de semanas pero manterá a súa ampla programación ao aire libre. Deste xeito, a praza Pintor Antonio Fernández, de Goián, acollerá do 22 ao 24 de maio unha nova edición desta feira organizada de forma conxunta polo Concello de Tomiño e a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam). 

 A feira continuará ofrecendo un amplo abano de actividades que inclúen expositores, concertos e música en vivo, conferencias, obradoiros e propostas innovadoras para achegar o sector verde á veciñanza dun xeito participativo e dinámico. O cambio de datas non suporá modificacións no formato da Feira de Cultivos, que manterá a súa esencia como un dos principais escaparates do viveirismo galego e un punto de encontro entre profesionais, público xeral e novas xeracións interesadas no sector.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “cando falamos da Feira de Cultivos falamos tamén de identidade, de economía local e de futuro. Preferimos agardar uns días e que a feira brille con luz propia, coa praza chea de vida, que renunciar ao espírito co que a feira decidiu saír á rúa. O importante é que a feira seguirá sendo ese espazo onde todo florece: ideas, proxectos e ilusións compartidas”. 

 Pola súa banda, a presidente de acuBam, Nuria Castro, salientou que “o tempo pode obrigarnos a adaptarnos, pero non frea nin o traballo nin a ilusión que hai detrás de cada edición. Esta feira é o reflexo dun sector forte, innovador e comprometido e seguimos tendo a mesma enerxía para amosalo e compartir con toda a veciñanza este proxecto colectivo”. 

 Dende o Concello e acuBam animan a veciñanza e visitantes a reservar xa estas novas datas para desfrutar dunha edición que, malia o contratempo, promete volver converter a cita Goián nun referente do sector verde. 

 A programación da Feira de Cultivos xa está actualizada na web.

Ningún comentario:

Publicar un comentario