O Concello de Tomiño ofertará un ano máis dous postos de socorrista na praia fluvial de Goián este verán
• Será para a tempada de baño dos meses de verán. O proceso de selección comezará previsiblemente no mes de maio
Infogauda/Tomiño
O Concello de Tomiño está a ofertar un ano máis dous postos de traballo para persoas que conten coa habilitación oficial de socorristas de espazos acuáticos naturais de Galicia e que se atopen neste momento inscritos coma demandantes de emprego, co obxecto de prestar servizo na praia fluvial de Goián durante a tempada de baño de verán. Esta iniciativa ten como obxectivo reforzar a seguridade das persoas usuarias desta zona de lecer e garantir unha resposta rápida e eficaz ante posibles incidencias ou emerxencias.
O proceso de selección está iniciándose neste momento desde a Oficina de Emprego de Tui, onde as persoas interesadas deberán ter presentada a habilitación oficial requirida.
As persoas escollidas desenvolverán as súas funcións cun horario diario previsto de 13.30 a 20.30 horas, 5 días á semana librando dous, coincidindo co período de maior afluencia de bañistas.
Entre as principais tarefas que desempeñarán as persoas socorristas destacan a vixilancia permanente da zona de baño, a prevención de accidentes acuáticos, a realización de rescates en caso necesario, a aplicación de primeiros auxilios e a coordinación cos servizos de emerxencia. Ademais, tamén levarán a cabo labores de información e concienciación dirixidas ás persoas usuarias da praia sobre as normas de seguridade e o comportamento responsable no medio acuático. O servizo tamén incluirá actividades de sensibilización sobre seguridade na auga e o fomento de prácticas de lecer saudables e seguras no espazo fluvial.
Ao contar as devanditas contratacións contan coa subvención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, motivo polo que o proceso selectivo se realizará a través do Servizo Público de Emprego de Galicia entre persoas desempregadas e permitirá cubrir o servizo de vixilancia e salvamento durante tres meses, previsiblemente entre o 16 de xuño e o 15 de setembro de 2026.
Coa posta en marcha deste servizo, o Concello de Tomiño reafirma o seu compromiso coa seguridade nas zonas de baño, contribuíndo ao benestar da veciñanza e das persoas visitantes, ao tempo que impulsa o atractivo turístico e o desenvolvemento local do municipio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario