Proxección do documental “Afranio” dirixido por Víctor Coyote e protagonizado por Luis Tosar
• Será este venres, 29 de maio, ás 20 horas no Espazo Sociocultural, dentro das Xornadas Siñor Afranio
Infogauda/Tui
“Afranio”, o documental con guión e dirección de Víctor Aparicio e protagonizado por Luis Tosar, proxectarase este venres, 29 de maio, ás 20 horas, no Espazo Sociocultural, dentro das Xornadas Siñor Afranio.
Víctor Aparicio, coñecido como Victor Coyote polo grupo musical que encabezou ata a súa disolución en 1992, conta cunha ampla traxectoria multidisciplinar salientando polos seus traballos como debuxante, deseñador e cineasta.
Antón Alonso Ríos, mestre e escritor, foi un dos políticos máis destacados do galeguismo durante a Segunda República, e no exilio encabezou, xunto a Castelao, o Consello de Galiza. Tralo estoupido da Guerra Civil, conseguiu fuxir do franquismo facéndose pasar por un mendigo portugués chamado ‘Siñor Afranio’.
O documental recrea os dous anos e medio nos que Antón Alonso Ríos tivo que sobrevivir como fuxido facéndose pasar por un esmoleiro alcumado «Siñor Afranio».
A película está baseada no libro que o propio Alonso Ríos escribiu titulado “O Siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte” que foi editado no ano 1979 pola editorial Castrelos dos irmáns Xosé María, Emilio e Álvaro Álvarez Blázquez. O filme revive as peripecias do político no seu perigoso percorrido por paraxes fronteirizas de Galicia e Portugal polos que Alonso Ríos se viu obrigado a vagar fuxindo dos franquistas. Gravouse nalgúns dos escenarios nos que transcorreu a vida de Afranio. Entre eles, Tomiño, onde exercía de mestre cando se iniciou o conflito, e Portugal, onde adquiriu a personalidade de O siñor Afranio. Tamén recolle o documental unha serie de entrevistas con algunhas persoas que o coñeceron ben.
A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente Solla, explica que este documental, que mestura a reconstrución histórica coas testemuñas daqueles que coñeceron a Alonso Ríos, segue conservando unha actualidade que nos achega á traxectoria vital de Alonso Ríos e ao coñecemento da represión instaurada tras o inicio da Guerra Civil.
Esta proxección forma parte das xornadas “O siñor Afranio” que promove o Concello de Tui, no seu traballo de recuperación da memoria democrática. O programa das xornadas continuará este domingo, 31 de maio, con dobre proposta. En catro quendas de 11.30 h a 13.30 h, no Mercado de San Antonio celebrarase o "Túnel do viño. Percorrido do siñor Afranio". E xa o domingo ás 20 h no Espazo Sociocultural as xornadas rematarán co concerto "Cantares dun fuxido" con Víctor Aparicio, Pablo Nóvoa e Pancho Álvarez.

Ningún comentario:
Publicar un comentario