27 de maio de 2026

PONTEVEDRA

ARRANCA UNHA NOVA EDICIÓN DO BONO ACTIVA COMERCIO CON MÁIS DE 2.000 COMERCIOS ADHERIDOS NA PROVINCIA  

A cidadanía xa pode descargar un bono desconto de ata 30 euros para utilizar nas tendas adheridas ata o esgotamento do crédito dispoñible ou do orzamento global da convocatoria 

Como principal novidade, destaca a posta en marcha dun sorteo complementario a través das contas oficiais da Xunta en TikTok e Instagram de catro bonos adicionais por importe de 250 euros para gastar nos comercios adheridos 

En total, a Xunta de Galicia prevé destinar inicialmente 5 M€ durante 2026 a esta campaña pioneira, coa que busca revalidar o éxito dunha iniciativa que desde 2021 xa leva mobilizados máis de 122 M € 


Durante a visita a unha tenda de Pontevedra, o delegado territorial destacou a importancia desta iniciativa como ferramenta de dinamización do comercio local e de apoio ao consumo de proximidade

Foto: XG

Infogauda/Pontevedra 

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a tenda Aromara, en Pontevedra, con motivo do inicio da nova campaña dos bonos Activa Comercio, que arrancou hoxe en toda Galicia. 

 Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia desta iniciativa como ferramenta de dinamización do comercio local e de apoio ao consumo de proximidade, nun contexto no que a Xunta busca reforzar a actividade económica nos pequenos e medianos establecementos.  

 A nova edición dos bonos Activa Comercio permitirá que a cidadanía descargue un bono desconto de ata 30 euros para empregar directamente na compra de produtos nos comercios adheridos. Como principal novidade desta campaña, salienta a posta en marcha dun sorteo complementario a través das contas oficiais da Xunta en TikTok e Instagram, mediante o que se sortearán catro bonos adicionais de 250 euros cada un, en formato dixital, para gastar nos establecementos adheridos ao programa.  

 O prazo de adhesión dos comercios interesados permanece aberto desde o pasado 27 de marzo e na actualidade hai máis de 5.700 establecementos adheridos en Galicia, dos cales máis de 2.000 se sitúan na provincia e máis de 200 no concello de Pontevedra.  

 A Xunta de Galicia prevé destinar inicialmente 5 millóns de euros a esta campaña durante 2026, coa que busca revalidar o éxito dunha iniciativa que desde a súa posta en marcha en 2021 xa leva mobilizados máis de 122 millóns de euros en vendas no conxunto da Comunidade.  

 O programa permite aplicar descontos en función do importe da compra: 5 euros en compras entre 20 e 30 euros, 10 euros entre 30 e 50 euros, e 15 euros en compras superiores a esta última contía, favorecendo así o incremento do consumo nos establecementos de proximidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario