A Deputación destina 70.000 euros para que 16 entidades sen ánimo de lucro da provincia editen obras en galego
• O presidente provincial Luis López detallou que as entidades pertencen a 11 concellos da provincia e benefícianse de recursos que oscilan entre os 1.350 e os 8.000 euros para a edición de materiais en galego normativo relacionados coa provincia
Infogauda/Pontevedra
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 70.000 euros a 16 entidades sen ánimo de lucro para que editen obras en galego. O presidente provincial, Luis López, explicou que as entidades pertencen a 11 concellos da provincia e benefícianse de recursos que oscilan entre os 1.350 e os 8.000 euros para a edición de materiais en galego normativo relacionados coa provincia. “Avanzamos no fomento da nosa lingua e no noso compromiso coa difusión e conservación do noso rico e amplo legado histórico e patrimonio cultural”, subliñou o presidente.
Os recursos, distribuídos por concorrencia competitiva, servirán para que as entidades editen obras en papel, audiovisuais, mixtas ou noutros formatos en galego normativo. As obras están centradas en aspectos relacionados coa provincia, con persoas ou colectivos relevantes da súa contorna ou co seu patrimonio material, inmaterial e artístico como a música e instrumentos tradicionais, o comercio, as entidades deportivas, o medio natural e animal, toponimia e moitos máis.
Ao detalle benefícianse dos recursos entidades de Lalín. Mondariz, Mondariz Balneario, Nigrán, Oia, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Vigo. Trátanse da Asociación Amigos do Museo Casa do Patrón, de Lalín; o Casino de Villasobroso, de Mondariz; a Asociación de Mulleres Rurais Entre Mulleres, de Mondariz Balneario; a Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos, de Nigrán (CEMMA); a Asociación Veciñal Socio-Cultural e Deportiva Santa Eugenia de Mougás, de Oia; a Asociación Cultural o Torreiro de Forzáns e a Asociación para el Desarrollo Educativo y Cultural, ambas de Pontevedra; a Asociación de Veciños de Chapela e o Grupo de Baile Anaquiños, de Redondela; o Club Unión Deportiva Ribera, do Rosal; a Asociación de Veciños Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias, de Salceda de Caselas; a Asociación Sociedade Cultural e Deportiva Condado, de Salvaterra de Miño, e catro entidades de Vigo: a Agrupación Folclórica Galega, a Asociación Cultural Abella Producións, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e a Asociación Espazo Alicerces.

Ningún comentario:
Publicar un comentario