11 de maio de 2026

GALICIA

Novo día de folga en defensa das condicións laborais no gran comercio téxtil e de calzado 

O paro convocado pola CIG contra o convenio ARTE coincidiu con outra reunión da mesa negociadora, na que a patronal insistiu nas propostas regresivas 


Mobilización do persoal do sector do gran comercio téxtil e de calzado, polas rúas de Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 O persoal do sector do gran comercio téxtil e de calzado botouse hoxe de novo masivamente ás rúas das sete cidades galegas coincidindo coa nova xornada de folga convocada pola CIG en defensa das condicións laborais e para rexeitar o convenio estatal ARTE. Esta mañá tivo lugar outra xuntanza da mesa negociadora en Madrid, na que a patronal insistiu nas súas propostas regresivas e de recorte de dereitos. 

 Esta nova folga de 24 horas fai parte da intensa campaña de mobilizacións que está a desenvolver o sector contra o convenio ARTE (Asociación Retail Textil de España), a través do que a gran patronal busca recortar dereitos e centralizar as relacións laborais e para rexeitar o preacordo asinado o 23 de marzo pola asociación ARTE (que agrupa ás grandes multinacionais como Inditex, H&M, Mango, Primark ou Tendam) e os sindicatos CCOO e Fetico. 

 O paro coincidiu coa reunión da mesa de negociación estatal na que apenas se produciu ningún avance e na que o empresariado matizou as súas propostas iniciais “sen diminuír os retrocesos e as perdas de maior impacto que pretenden impor”. Roberto Pérez, representante da CIG-Servizos na comisión negociadora, explica que “se están facendo pequenos retoques” para intentar presentar como melloras “o que na realidade para as traballadoras Galiza non significaría nada porque son cuestións que xa están recollidas nos convenios provinciais”.  

 Así ocorre co recoñecemento do descanso de 15 minutos dentro da xornada laboral como tempo de traballo efectivo, pero empeorando o que contemplan os convenios provinciais xa que este dereito só se lle mantería ao persoal actual e non se lle aplicaría ás novas incorporacións. 

 A patronal tamén aclarou que entende por “consolidación” de horas complementarias o 30% da media das realizadas durante dous anos (excluíndo as motivadas por substitucións); considerou un esforzo enorme un 50% de incremento das horas extraordinarias, así como estabelecer o período de vacacións entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. “Ningunha destas cuestións mellora as condicións actuais das traballadoras do comercio galego”, concluíu Pérez. As próximas reunións quedaron fixadas para o 27 e 28 de maio e o 2 de xuño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario