7 de maio de 2026

O ROSAL

Percorrido de alta dificultade polo Gerês a bordo da cadeira para rutas adaptadas do Rosal  

 O Concello reafirma o seu compromiso coa inclusión cunha nova saída adaptada pola serra portuguesa coa Joëlette, un servizo municipal permanente  


O grupo realizou un espectacular percorrido de arredor de 25 quilómetros pola serra do Gerês, atravesando zonas de gran dificultade e mesmo espazos practicamente inaccesibles
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Hai barreiras que desaparecen cando hai persoas dispostas a empurrar xuntas na mesma dirección. O Rosal volveu demostrar que a inclusión tamén se constrúe polos camiños máis difíciles e nos retos compartidos cunha nova saída adaptada coa Joëlette, a cadeira municipal que permite ás persoas con mobilidade reducida desfrutar do sendeirismo e da natureza sen límites facendo rutas adaptadas. 

 Nesta ocasión, o grupo realizou un espectacular percorrido de arredor de 25 quilómetros pola serra do Gerês, atravesando zonas de gran dificultade e mesmo espazos practicamente inaccesibles. A expedición contou cun guía de montaña especializado e cun equipo de voluntarios e voluntarias altamente preparados, que fixeron posible completar un percorrido especialmente esixente tanto a nivel físico como técnico. 

 Un dos momentos máis emocionantes da xornada viviuse durante o acceso a un antigo foxo dos lobos, un espazo tradicional de gran valor patrimonial ao que o grupo conseguiu chegar baixando a Joëlette con enorme precisión, coidado e coordinación. Un exemplo do compromiso, solidariedade e entrega do equipo humano que acompaña cada unha destas experiencias. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, puxo en valor “a inmensa calidade humana das persoas voluntarias que fan posibles todas estas saídas. Hai moita preparación, esforzo e xenerosidade detrás de cada ruta, pero sobre todo hai unha convicción compartida: que todas as persoas teñen dereito a vivir a natureza e o deporte sen barreiras”. 

 Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, que participou activamente na ruta recoñeceu o impacto emocional da experiencia e destacou a importancia de seguir dando visibilidade a este recurso municipal. “Ver como o grupo se coordina, se esforza e se coida mutuamente para que outra persoa poida chegar a lugares que parecían inaccesibles demostra que a inclusión é compartir o camiño e asegurarnos de que ninguén quede atrás. A Joëlette é unha ferramenta de inclusión real que abre portas a experiencias que durante moito tempo pareceron imposibles para moitas persoas”. 

 O Concello quere tamén agradecer especialmente a colaboración constante de Discamino, que realizou a revisión, mantemento e posta a punto da Joëlette. Grazas ao seu apoio e compromiso, a cadeira todo terreo atópase xa preparada para continuar abrindo camiños e facendo posibles novas rutas adaptadas.  

 O Concello do Rosal incorporou a Joëlette como parte da súa aposta por unha inclusión integral, creando un servizo permanente para que persoas con mobilidade reducida poidan realizar rutas adaptadas acompañadas dun equipo de voluntariado formado no manexo desta cadeira especial. Calquera persoa con mobilidade reducida pode solicitar este servizo para participar en rutas programadas polo municipio, unha iniciativa que busca seguir tecendo redes entre administración, tecido asociativo e veciñanza para facer do Rosal un lugar máis accesible para todas as persoas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario