7 de maio de 2026

TUI

O tudense Dámaso Rodríguez Costas completou os 1.165 kms da iniciativa “Cruzando Camiños” 

  Este mediodía foi recibido polo alcalde e pola concelleira de Turismo 


Dámaso Rodríguez Costas co alcalde Tui, Enrique Cabaleiro González, diante da catedral de Santa María
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, recibiron este mediodía na casa do concello a Dámaso Rodríguez Costas. Este tudense completou este xoves, chegando a Tui, 1.165 kms dende Alcalá de Henares, de onde partiu  o pasado 4 de abril para realizar a iniciativa “Cruzando Camiños”. O obxectivo deste veterano peregrino, que realizou o seu primeiro Camiño en 1972, era unir a través de diversas rutas xacobeas, as históricas cidades de Alcalá de Henares e Tui, ambas localidades con séculos de pegadas peregrinas e un legado cultural e social que se entrelazan ao longo do tempo.  

 Dámaso Rodríguez, presidente da Asociación de Amigos del Camino de Santiago Complutense de Alcalá de Henares (Madrid), relatou esta mañá vivencias e anécdotas vividas ao longo das últimas semanas. Así esta mañá afirmaba que “o camiño non se anda, hai que vivilo” e que “os silencios do Camiño entran en ti”.  Tamén deu conta da relación especial que establece entre os peregrinos no seu percorrido, independentemente da súa nacionalidades.     

 Nesta iniciativa coa que hoxe chegou a Tui cruzou os Camiños de Santiago Complutense, o de Madrid, o Francés e o Portugués. Completou así unha travesía histórica e xeográfica, conectando os bispados de Alcalá e de Tui; a espiritualidade dos Santos Nenos Xusto e Pastor coa do neno San Paio e, a rica historia de Alcalá de Henares coa historia bimilenaria de Tui, a súa beleza medieval e reencontrarse coas súas raíces vitais.  

 Dámaso Rodríguez é autor do libro “Ruta jacobea, camino y leyenda, presentado en Tui en novembro de 2021, e de varias reportaxes dos máis importantes camiños xacobeos que, ao longo da súa vida percorreu.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou a súa satisfacción por darlle a benvida á súa cidade natal a Dámaso Rodríguez tras culminar este proxecto peregrino de “Cruzando Camiño” que contribúe á difusión e valorización das rutas xacobeas, de crecente importancia para Tui, así como a promoción dos recursos patrimoniais e turísticos da nosa cidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario