O Rosal florece coa creatividade
• Os Obradoiros de Primavera do Concello chegan con catro novas citas abertas á veciñanza e con prioridade para a mocidade menor de 30 anos
Infogauda/O Rosal
O Rosal énchese de creatividade, ideas novas e natureza compartida a través dunha nova edición dos Obradoiros de Primavera, unha proposta posta en marcha polo Concello que convida á veciñanza a aprender a través de catro talleres para todas as idades, cunha programación que se desenvolverá durante varios sábados dos meses de maio e xuño.
Esta iniciativa formativa e participativa chega cunha programación que mestura tradición, sustentabilidade e creación contemporánea, pensada para todos os públicos pero cunha especial prioridade para a mocidade menor de 30 anos. As actividades desenvolveranse en formato de talleres prácticos e con prazas limitadas, a prezos reducidos.
O ciclo arrancará o sábado 23 de maio cun obradoiro de xoiería artesanal da man de areladefe, no que as persoas participantes aprenderán a crear unha pulseira ríxida e texturizada en metal nunha sesión de catro horas. O 30 de maio será a quenda da sustentabilidade doméstica co taller “Fai a túa horta na fiestra”, impartido por Biophilia Axencia Ambiental, no que se elaborarán xardineiras con plantas aromáticas reutilizando caixas de viño.
Xa en xuño, o día 6, chegará unha proposta vinculada ao mundo do libro coa impresión de exlibris da man de Papelier, recuperando unha técnica histórica para personalizar obras literarias cun selo artístico propio. Pechará o programa o sábado 13 de xuño o obradoiro de candeas artesanais con Aga Formación, no que se traballará con cera de soia ecolóxica e técnicas básicas de elaboración.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou que esta programación “é unha forma de abrir o Concello á creatividade e ao tempo compartido, ofrecendo espazos nos que a veciñanza poida aprender, experimentar e tamén socializar arredor de valores como a sustentabilidade e a cultura”. A rexedora engadiu ademais que “estes obradoiros son unha aposta por un ocio de calidade, accesible e pensado tamén para a nosa mocidade, que precisa oportunidades para desenvolver o seu talento e a súa curiosidade”.
Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, subliñou que “queremos que a xuventude atope no Rosal actividades que lles dean ferramentas útiles e que ao mesmo tempo sexan atractivas e diferentes ao habitual”. O concelleiro destacou tamén que “este tipo de iniciativas axudan a crear comunidade e a reforzar o vínculo da mocidade co seu concello”.
Toda a información sobre inscricións, horarios e dispoñibilidade de prazas será publicada proximamente nas canles oficiais do Concello e nas redes sociais municipais.

Ningún comentario:
Publicar un comentario