13 de maio de 2026

OIA

O audiovisual “Novas cantigas oienses” continúa a súa ruta polas parroquias 

 E celebrará as Letras Galegas cunha proxección o domingo, 17 de maio,  ás 18.00 horas no Centro Cultural de Mougás




Infogauda/Oia

 As historias, recordos e voces da veciñanza de Oia continúan percorrendo o municipio da man do documental “Novas cantigas oienses”, que segue coa súa rolda de proxeccións polas distintas parroquias. Tras a boa acollida da súa estrea en Pedornes e  da sesión celebrada en Loureza, a próxima cita terá lugar coincidindo co Día das Letras Galegas: será este domingo 17 ás 18.00 horas no Centro Cultural de Mougás, con entrada libre ata completar a cabida. 

 A peza audiovisual, creada por Ana Belén Jarrín e Nacho Álvarez, nace coa vontade de rescatar, preservar e celebrar a memoria colectiva local a través dun relato construído a partir das voces, vivencias e emocións da propia veciñanza. Máis ca un documental convencional, “Novas cantigas oienses” propón unha experiencia íntima e sensorial que convida a redescubrir o territorio e ás persoas que o habitan. 

 O audiovisual é o resultado de dous meses e medio de traballo, nos que se realizaron arredor de 30 retratos e entrevistas a persoas maiores de entre 85 e 97 anos. Tamén se organizaron encontros veciñais nas distintas parroquias e houbo un amplo proceso de recollida de materiais, fotografías, ferramentas e diversos elementos vinculados á vida cotiá e á memoria local. 

 O espírito comunitario do proxecto reflíctese tamén na súa dimensión sonora, incorporando fragmentos musicais interpretados por agrupacións locais como as Pandeireteiras de Burgueira, os Ranchos de Reis de Torroña, A Fiada de Viladesuso e Tra-lo Mosteiro. 

 O Concello financiou o documental a través da convocatoria de 2025 das subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a entidades locais para a promoción do uso da lingua galega, e con fondos propios. Este traballo audiovisual busca promover o emprego, difusión e creación cultural en galego, destacando a súa riqueza a través da inclusión de xiros locais e variedades xeográficas da lingua do Baixo Miño.  Ao mesmo tempo, defende a creación cultural desde o local como acto de resistencia fronte a procesos de homoxeneización da cultura. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario