O Rosal súbese de novo ás Mareas de Coñecemento para aprender sin límite de idade
• Concello, Asociación de Persoas Maiores e Universidade de Vigo impulsan catro seminarios gratuítos para veciñanza maior de 50 anos
Infogauda/O Rosal
O coñecemento volve abrir camiño no Rosal como unha ferramenta para entender mellor o mundo e vivir con máis autonomía. Concello, Asociación de Persoas Maiores do Rosal e a Universidade de Vigo poñen en marcha unha nova edición das Mareas de Coñecemento, un programa formativo dirixido á veciñanza maior de 50 anos que aposta por achegar cultura, ciencia e saúde de forma accesible e práctica.
Durante os meses de maio e xuño, o Centro Social Polivalente acollerá catro seminarios gratuítos de 2,5 horas cada un centrados en cuestións de máxima actualidade como a desinformación, os timos dixitais, as teorías conspirativas ou o impacto da intelixencia artificial. Todas as sesións estarán impartidas por Victoria Canoura Leira, profesora da Universidade de Vigo e do Programa de Maiores do Campus de Vigo, cun enfoque teórico-práctico que permitirá ás persoas participantes adquirir ferramentas útiles para o día a día.
O calendario comezará o 14 de maio cun seminario sobre desinformación, no que se abordará como identificar noticias falsas e contrastar a información que chega a través de internet e dos dispositivos móbiles. O 21 de maio trataranse os timos máis habituais, especialmente aqueles que chegan por mensaxería ou correo electrónico. O 28 de maio será a quenda das teorías conspirativas, analizando o seu impacto e como evitalas, mentres que o 4 de xuño pecharase o ciclo cunha sesión sobre intelixencia artificial e o seu papel na xeración de contidos falsos. Todas as sesións serán ás 16.30 horas.
Como sinalou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “continuar aprendendo é vital a calquera idade, sobre todo nun momento como o actual, no que a información chega de forma constante por moitos medios distintos e saber interpretala convértese en algo fundamental. Con esta nova edición das Mareas de Coñecemento queremos ofrecer á nosa veciñanza recursos para moverse con seguridade e criterio no mundo actual”.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, puxo o foco na importancia de achegar este tipo de propostas á poboación maior: “Falamos de formación útil, práctica e pensada para o día a día, que axuda a gañar autonomía e confianza. É tamén unha forma de seguir creando espazos de encontro e participación activa para as persoas maiores”, recalcou.
As prazas son limitadas, polo que será necesario realizar inscrición previa chamando ao Concello ao 986 625 000, de forma presencial no Rexistro Xeral ou a través da Asociación de Persoas Maiores no teléfono 646 633 958.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario