Os gatos tomarán a palabra no Rosal nunha nova aventura dos Venres Rebuldeiros
• Manuela Varela chegará co seu contacontos ‘Gatos con contos’ o 8 de maio ás 18 h na biblioteca, cunha proposta chea de humor, tenrura e valores
Infogauda/O Rosal
A imaxinación volverá ocupar cada recuncho da biblioteca municipal do Rosal cunha nova cita dos Venres Rebuldeiros, un ciclo xa consolidado que transforma a lectura nunha experiencia viva para a rapazada. Este venres 8 de maio ás 18.00 horas será a quenda de ‘Gato con contos’, un espectáculo de narración oral da man de Manuela Varela Contacontos.
Dirixido a nenos e nenas a partir dos 5 anos, o espectáculo propón unha viaxe polas aventuras e desventuras de varios gatos que, entre risas e situacións inesperadas, van descubrindo quen son e aprendendo a aceptarse. A través de historias divertidas e cheas de tenrura, a sesión constrúe un espazo de educación en valores arredor da autoestima, a aceptación e o respecto á diversidade, sen perder nunca o ton humorístico.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, resaltou que “os Venres Rebuldeiros son unha forma marabillosa de achegar a cultura e a lectura á rapazada dun xeito próximo e divertido. Cada sesión é unha oportunidade para aprender, imaxinar e tamén para medrar como persoas desde idades moi temperás”.
A rexedora subliñou tamén a importancia de crear espazos compartidos arredor da lectura, destacando que dende o Concello “queremos que a biblioteca sexa un lugar vivo, onde as historias se escoiten, se sintan e se compartan e onde os nenos e nenas atopen referentes e ferramentas para entender o mundo”.
A actividade será de balde ata completar a cabida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario