O Rosal achégase en Madrid ás experiencias que están a transformar ás Cidades Amigas da Infancia
• A alcaldesa asistiu ao sétimo congreso organizado por UNICEF mentres que o Concello avanza na súa candidatura para obter este recoñecemento internacional
Infogauda / O Rosal
O Rosal participa hoxe en Madrid no VII Congreso de Cidades Amigas da Infancia organizado por UNICEF España, un encontro estatal no que profesionais, administracións locais, expertos e tamén nenos, nenas e adolescentes comparten experiencias e proxectos arredor dos dereitos da infancia e da construción de municipios máis xustos, inclusivos e participativos.
Baixo o lema ‘Equidade para a infancia no local: respostas dende os municipios’, o congreso abordará durante dúas xornadas cuestións fundamentais como a pobreza infantil, a participación da infancia na vida pública ou o papel dos concellos na protección e promoción dos dereitos das crianzas. Un espazo de reflexión e aprendizaxe compartida especialmente relevante nun contexto no que un de cada tres nenos e nenas en España está en risco de pobreza ou exclusión social, outro dos temas clave que se está a tratar neste encontro.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, asistiu a este congreso estatal nun momento clave para O Rosal, que continúa dando pasos firmes para obter o recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia, unha iniciativa impulsada por UNICEF España para distinguir aos gobernos locais comprometidos coa aplicación da Convención sobre os Dereitos dos Nenos e Nenas nas súas políticas públicas.
Neste camiño, o concello aprobou recentemente en pleno a candidatura oficial do Rosal, reforzando así unha aposta decidida por integrar a ollada da infancia na vida municipal e avanzar cara a un modelo de municipio máis participativo, igualitario e sensible ás necesidades da rapazada. Unha andaina na que xoga un papel fundamental o grupo de participación infantil e xuvenil Fogaric@s, que participa de forma activa no devir presente e futuro do Rosal.
Para a Fernández Callís “participar neste congreso permítenos aprender doutras experiencias e seguir incorporando ferramentas para construír un Rosal no que os nenos e nenas non sexan só protagonistas do futuro, senón tamén do presente”. A rexedora sinalou ademais que “o recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia non é unha meta simbólica, senón un compromiso real coa participación infantil, coa igualdade de oportunidades e co dereito da infancia a medrar nun entorno seguro, saudable e escoitado”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario