12 de maio de 2026

OIA

O Concello de Oia publica os resultados das analíticas das fontes públicas  

  

Casa do Concello de Oia
Foto: HombreDHojalata

Infogauda / Oia  

 O Concello de Oia realizou unha nova campaña de control sanitario das fontes públicas do municipio. En total 29 fontes foron analizadas para avaliar a calidade da auga e a súa aptitude para o consumo humano. Das analíticas realizadas, estes foron os principais resultados: 

- Cinco fontes presentan auga non potable, polo que se desaconsella totalmente o seu consumo. Son as seguintes: fonte da Presa das Mariñas, fonte do Matovello e do lavadoiro do Camiño da Fonte (Pedornes), fonte de Vilariño e fonte da Cheira (Torroña) 

- Nove fontes amosan presenza de coliformes totais, sempre en cantidades baixas, que non superaron as 11 unidades. Son as seguintes: fonte da Granxa e Fonte do Outeiro (Mougás), fontes do Eirado e de Preáns (Viladesuso), fonte do Sobreiro (Pedornes), fonte da Riña esquerda (Santa María de Oia), fonte do lavadoiro da Portela, fonte de Xiguente e fonte da Mouta (Burgueira). 

 O parámetro “coliformes totais” indica a presenza de microorganismos de orixe ambiental. A súa detección non implica necesariamente un risco sanitario directo, pero si revela que a auga pode estar exposta a contaminación e, polo tanto, non cumpre os requisitos de potabilidade. 

- As fontes de Mavia non puideron ser analizadas o día da toma de mostras debido a unha avaría que deixou a zona sen auga. O Concello informa de que se recollerán mostras nos vindeiros días e, unha vez dispoñibles, os resultados serán incorporados á web municipal xunto co resto das analíticas.  

- O resto das fontes analizadas resultaron aptas para o consumo.    

Recordatorio á veciñanza 

 O Concello lembra que as fontes tradicionais, ao tratarse de augas non cloradas, non dispoñen de garantía sanitaria permanente, xa que non contan cun sistema de desinfección continuo. 

 Co obxectivo de facilitar o acceso á información, todas as analíticas están dispoñibles nun apartado específico da páxina web municipal, onde a veciñanza poderá consultar o detalle dos resultados de cada punto de mostraxe. Este espazo web está xa accesible na seguinte ligazón: https://www.concellodeoia.es/analiticas-de-fontes/  

 O Concello de Oia continuará realizando controis periódicos anuais, adoptando as medidas necesarias para garantir a seguridade e a saúde pública.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario