QUEREMOS GALEGO PORÁ AUTOBUSES DENDE O BAIXO MIÑO PARA A GRAN MANIFESTACIÓN DO 17 DE MAIO EN COMPOSTELA
A plataforma mobiliza á veciñanza baixo o lema “O galego, lingua vital” para denunciar o desleixo da Xunta de Galiza co noso idioma
Infogauda / A Guarda
A plataforma cidadá Queremos Galego porá a disposición da veciñanza do Baixo Miño autobuses para facilitar a asistencia á gran manifestación que terá lugar o vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela. A marcha partirá ás 12:00h da Alameda compostelá percorrendo as rúas da capital galega baixo o lema “O galego, lingua vital”. Todas as persoas interesadas en reservar a súa praza nos autobuses poden facelo chamando ao teléfono 986 610 465.
Unha resposta social ao "desprezo" pola lingua
Dende a plataforma fan un chamamento á unidade social para facer fronte á política lingüística da Xunta de Galicia. Queremos Galego denuncia a "incapacidade" do Goberno galego para cumprir os prazos de renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, o que cualifican como "unha mostra do profundo desprezo que teñen por Galiza e o seu idioma".
A mobilización busca demostrar a forza dunha sociedade que defende o seu idioma como un elemento esencial para a súa propia existencia.
Na memoria de Begoña Caamaño
A convocatoria deste ano faise eco das verbas da homenaxeada no Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño. A plataforma lembra a denuncia que a escritora fixo xa no ano 2010 contra o concepto de "bilingüismo harmónico", cualificándoo de "falacia e mentira".
"Non podemos falar en termos de harmonía cando hai unha situación tan disimétrica entre o castelán e o galego", afirmaba Caamaño, unha reivindicación que Queremos Galego recupera para subliñar a urxencia de protexer os dereitos lingüísticos da sociedade galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario