11 de maio de 2026

NIGRÁN

Complexo turístico para o sur de Galicia  

Ana Ortiz destaca o proxecto de cabanas turísticas en Nigrán como un modelo de “excelencia” para acoller aos peregrinos do Camiño Portugués da Costa 

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou este luns a finca do Monte da Mina na que se están levantando un total de 25 cabanas modulares de madeira


A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns os traballos de execución do novo proxecto de Cabanas Turísticas Monte da Mina, en Nigrán
Foto: X.G.

Infogauda / Nigrán

  A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns os traballos de execución do novo proxecto de Cabanas Turísticas Monte da Mina, en Nigrán, que estará finalizado antes do verán para dar aloxamento aos peregrinos que atravesan o Camiño Portugués da Costa. 

 “Iniciativas como a da empresa Organiza Nigrán ofrecen un modelo de excelencia para acoller a todos aqueles que percorren a nosa área no seu traxecto cara a Compostela, unha ruta que non é só unha vía espiritual ou cultural, é unha canle de riqueza e oportunidades que sitúa a Nigrán e ao Val Miñor no mapa internacional”, sinalou.  

 Durante o percorrido pola finca na que se levantarán un total de 25 cabanas, a representante autonómica puido coñecer de primeira man o proxecto. Así, o obxectivo deste proxecto é crear un complexo turístico no Sur de Galicia, nunha contorna de natureza e moi vinculado ao Camiño Portugués da Costa.  

 Ortiz sinalou que a iniciativa persegue proporcionar aos turistas un espazo na natureza, sostible en pleno Camiño de Santiago, e no que se planificarán actividades e servizos baseados non só nas infraestruturas e elementos básicos do turismo como o aloxamento, senón tamén no desfrute de vivencias ou experiencias relacionadas tanto coa calidade e a acollida da contorna como co contacto directo coa natureza, cultura, a enogastronomía, etc.  

 O novo proxecto de Cabanas Turísticas Monte da Mina sitúase no tramo xacobeo que pasa polo concello de Nigrán. O crecemento deste roteiro nos últimos anos foi constante e conseguiu chegar a números que outros roteiros Xacobeos non chegaron. No ano 2025, preto de 100.000 peregrinos percorreron ese tramo, e ano a ano segue crecendo en número de visitantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario