22 de maio de 2026

MOS

A Deputación salienta en Mos a transcendencia da filántropa e fotógrafa afeccionada Corona González no marco do programa Aquí faltan páxinas 

 A deputada de Igualdade, Paula Bouzós, subliñou que Aquí faltan páxinas “pon en valor o papel de grandes mulleres que abriron camiño para facer da provincia un lugar mellor”


O faladoiro foi conducido por Celia Castro Fernández, catedrática do Corpo Superior de Ensinanzas Artísticas e doutora en Humanidades
Foto: DPO

Infogauda/Mos

 O Pazo de Mos acaba de acoller un novo faladoiro do programa da Deputación de Pontevedra Aquí faltan páxinas. Nesta ocasión a protagonista foi Corona González Santos, filántropa e fotógrafa afeccionada moi vencellada a Mos e outras vilas da contorna, como O Porriño. A deputada de Igualdade, Paula Bouzós, salientou que “Corona González Santos dedicou a súa vida á fotografía e ao mecenado, e posibilitou fitos como a construción da Casa consistorial do Porriño, deseñada polo arquitecto Antonio Palacios”.  

 A deputada provincial lembrou que con Aquí faltan páxinas, programa finalista nos Premios Ondas Globais do Pódcast, “estamos a poñer en valor o papel de grandes mulleres que viviron e viven na provincia, mulleres que abriron o camiño a outras e que traballaron para facer dela un lugar mellor”. Tamén aproveitou para facer fincapé na “necesidade de construír un mundo máis xusto sumando vontades, sen crispación e dialogando” e remarcar que “a igualdade é un obxectivo irrenunciable deste goberno provincial”.  

 O faladoiro foi conducido por Celia Castro Fernández, catedrática do Corpo Superior de Ensinanzas Artísticas e doutora en Humanidades, ademais de autora do libro ‘Ramón González e Corona González Santos: un matrimonio de filántropos’. Como sinalou a oradora, Corona González puido desenvolver o seu labor filántropo grazas á posición do seu home, Ramón González, empresario e banqueiro de Ribadeo. Xuntos fixeron doazóns a bibliotecas, concederon bolsas de estudos e apoiaron proxectos comunitarios. Tamén remarcou a orixe da paixón de Corona pola fotografía: a súa lúa de mel a París, onde visitou a Exposición Universal e quedou marabillada polas imaxes de varias fotógrafas norteamericanas.  

 A terceira edición de Aquí faltan páxinas terá continuidade con máis faladoiros tralos protagonizados polas alfombristas, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga, as mulleres de Gargamala, Marisol Soengas, Matilde Vázquez e Rita Fernández Queimadelos. A eles seguiranlle os que narrarán as historias das mulleres do mundo do viño, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar. Todos os faladoiros das tres edicións do programa están dispoñibles en streaming e tamén en formato pódcast no sitio web institucional, YouTube, Spotify e iVoox.

Ningún comentario:

Publicar un comentario