BALONMÁN FEMININO
O Guardés, a 60 minutos da gloria europea
• O equipo baixomiñoto recibirá este domingo ao MSK IUVENTA Michalovce na Sangriña (19.00 horas) para disputar o encontro decisivo da final da EHF European Cup
• As de Ana Seabra chegan con 4 goles de vantaxe da ida, pero saben que todo pode pasar contra un rival que remontou unha renda maior en semifinais
• As 16 xogadoras volven estar dispoñibles para este peche de tempada
Redacción Deportes/A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés está a 60 minutos da gloria europea. As de Ana Seabra recibirán este domingo (19.00 horas), no seu último duelo da tempada, ao MSK IUVENTA Michalovce eslovaco para disputar o partido decisivo da final polo título da EHF European Cup. Sen dúbida, a cita do ano, na que a afección dunha A Sangriña dedicada buscará facer valer os catro goles de vantaxe cos que as súas chegan do primeiro encontro en Michalovce. Polo demais, de novo volven estar dispoñibles as 16 xogadoras do persoal, que o darán todo por coroar do mellor xeito posible unha semana histórica para A Guarda.
O Guardés chega con prudencia, pero sobre todo, con moitísima ilusión. Pase o que pase este domingo, o fito de xogar unha segunda final europea histórica en casa será conquistado e o mellor peche posible para unha tempada para enmarcar. E as opcións pintan mellor que nunca para un equipo baixomiñoto que foi capaz de dominar o primeiro asalto en Eslovaquia a semana pasada (20-24), pero se algo aprenderon as guardesas da súa anterior incursión na aventura por este título, é que non poden confiarse por moi alta que sexa a renda. Esta vez, a diferenza de hai tres anos en Turquía, será o pavillón da Sangriña quen decida o campión, e a bancada fará todo o posible porque eses 60 minutos fáganse moi longos para as eslavas.
A preparación, a pesar do anómalo da cita, foi a habitual. O único que cambiou foi primar o descanso, evitando aumentar os efectos do marcado peso que supón xa a quilometraxe acumulada de toda a tempada. Así, tras as preto de 30 horas de viaxe de ida e volta a Michalovce, as de Ana Seabra descansaron ata este mércores, cando retomaron os últimos adestramentos e sesións de ximnasio para preparar este duelo determinante. De novo, as 16 xogadoras estarán dispoñibles, con Cristina Cifuentes pendente de debutar tras a súa alta médica. As rotacións serán fundamentais para dar osíxeno ante un rival que na ida demostrou en varias ocasións a súa capacidade de obrigar a correr e de modificar o ritmo do partido ao seu gusto.
A maior dificultade, como non podía ser doutro xeito, é a certeza de que alén haberá un rival coa mesma ambición e en situación moi similar. Ao Michalovce xa se lle escapou o trofeo hai dous anos precisamente ante un conxunto español, o Atticgo BM Elxe, e o domingo quererá evitar, custe o que custe, repetir a faena. Para iso tomará man dos seus principais activos a pasada semana, como as goleadoras Aline Bieger, Barbora Sabobová ou Martina Popovcová, destacando no lanzamento exterior e nos sete metros; así como a calidade da súa gardameta Barbora Jakubíková, que superou o 50% nos seus minutos sobre o Chemkostav Area.
Para a ocasión, o Club ten preparado toda unha serie de actividades na contorna da Sangriña que comezaron este mesmo venres con motivo do Sector Nacional que tamén xogan as cadetes esta fin de semana. O domingo, en concreto, haberá inchables todo o día nos arredores do pavillón, e pola tarde a disc-jóckey Lara amenizará a espera desde as 17.00 horas. Media hora despois, a pena O Inferno fará o recibimento con honras ás xogadoras, e desde entón será cuestión de esperar a que o tempo pase para chegar a eses 60 minutos que separan a toda A Guarda de cumprir o soño de alcanzar, por fin, a gloria europea.
Ana Seabra: “É unha oportunidade máis para que poidamos escribir un novo capítulo na historia do Club”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra cre que esta final é “un partido que moitos nin sequera soñaban que puidese volver suceder, polo que temos que afrontar a realidade con moito respecto e ambición”. Presente na anterior loita polo título europeo en 2023, Seabra sabe da importancia desta oportunidade e insiste niso: “Sabemos que é unha oportunidade máis para que todos poidamos escribir un novo capítulo na historia do Club”, indica, o que lle fai estar segura de que “todos demos o mellor de nós esta semana con traballo, humildade e moito respecto”.
E como a técnica xa sabe o que é ver como este título escápase das mans cando parecía atado, incide unha vez máis na necesidade de manter o respecto para afrontar esta final “contra un Michalovce que sabemos que ten moita calidade e que loitará ata o final”.
María Sancha: “Non podemos deixar que o emocional e o físico estean por encima da nosa cabeza”
A capitá do Guardés, María Sancha, cre que o duelo deste domingo vai ser “moi duro”, tanto por todo o que implica como polo momento do ano no que chega. “Non podemos deixar que o emocional e o físico estean por encima da nosa cabeza”, explica a palentina, chamando ás súas a “controlar moi ben o tempo e ser máis equipo que nunca”.
Polo demais, para Sancha, quen tamén viviu a anterior final contra o Konyaalti, a ocasión é máis que ilusionante. “Creo que isto é poñerlle a guinda ao pastel da tempada, xogando unha final”, indica, e ademais, na súa casa, ante unha A Sangriña que “só esperamos que estea a rebentar” para “facer un verdadeiro inferno da nosa pista”.
AXENDA
EHF European Cup 2025/2026 | Final - VOLTA
Mecalia Atlético Guardés – MSK IUVENTA Michalovce
Domingo, 24 de maio | 19.00 horas | Pavillón da Sangriña
Retransmitido en directo pola canle G2 da Televisión de Galicia e por http://agalega.gal

Ningún comentario:
Publicar un comentario