27 de maio de 2026

DEPORTES

O Club Pickleball Baixo Miño brilla en Goián e consolídrase no Campionato Galego por Equipos Absolutos 

 O club tomiñés, fundado a finais de outubro de 2025, logrou unha destacada segunda posición na terceira volta celebrada o pasado domingo 24

 O evento contou co respaldo institucional do Concelleiro de Deportes de Tomiño e do Presidente da Federación Galega de Tenis  

Este vindeiro domingo reanudarase a competición en Gondomar co primeiro enfrontamento da tempada, que fora aprazado pola choiva  


O torneo reuniu a catro entidades do panorama galego: o Club de Tenis Gondomar, o C. Dep. Dereito Empresariais, o CC Mercantil de Vigo e o equipo anfitrión, o Club Pickleball Baixo Miño

Foto: CPBM

Begoña Garrido Carrera/Tomiño

 O Pavillón de Goián converteuse o pasado domingo 24 de maio no epicentro do pickleball autonómico coa celebración da terceira volta do Campionato Galego por Equipos Absolutos. A xornada estivo marcada pola intensidade competitiva, a deportividade e a consolidación deste deporte na comarca.  

 O torneo reuniu a catro entidades do panorama galego: o Club de Tenis Gondomar, o C. Dep. Dereito Empresariais, o CC Mercantil de Vigo e o equipo anfitrión, o Club Pickleball Baixo Miño. Tras unha serie de enfrontamentos moi rifados e de gran vistosidade para o público asistente, o CC Mercantil de Vigo alzouse coa primeira posición da xornada, seguido moi de preto polo Club Pickleball Baixo Miño, que firmou unha brillante segunda posición.  

 A transcendencia da cita quedou referendada polo respaldo das autoridades, destacando a presenza no pavillón do concelleiro de Deportes de Tomiño, así como do presidente da Federación Galega de Tenis, os cales quixeron apoiar de primeira man o crecemento do pickleball e felicitar aos participantes polo nivel amosado na pista.  

 Un éxito rotundo para un club recén nacido Desde a directiva do Club Pickleball Baixo Miño amosaron un enorme orgullo polo rendemento e os resultados obtidos na pista. Cómpre salientar o gran mérito deste equipo, nacido a finais de outubro de 2025, que en apenas uns meses de vida xa está competindo e rendendo a un gran nivel no campionato autonómico.  

 Así mesmo, o club quixo expresar o seu máis sincero agradecemento ás institucións e entidades privadas que fan posible o seu crecemento e o éxito destes eventos. Neste sentido, destacaron o apoio fundamental do Concello de Tomiño, Eurobanan Galicia, SL., PKD Pickleball e Infomiño.com.  

Próxima cita: rumbo a Gondomar 

 A competición non dá tregua. Este vindeiro domingo, o Club Pickleball Baixo Miño desprazarase ata Gondomar para disputar o primeiro enfrontamento da tempada. Esta xornada, que correspondía orixinalmente á primeira volta, tivo que ser aprazada no seu momento debido ás inclemencias meteorolóxicas causadas pola choiva, e agora preséntase como unha cita clave para que o club tomiñés siga demostrando o seu excelente estado de forma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario