26 de maio de 2026

DEPORTES

O EQUIPO MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS, CAMPIÓN DA EHF EUROPEAN CUP 2025/2026, FOI RECIBIDO POLO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA

 E na praza do Obradoiro, fronte o Pórtico da Gloria as xogadoras amosaron o trofeo logrado o pasado domingo


O presidente da Xunta de Galicia recibiu na tarde de hoxe, no Pazo de Raxoi ao equipo Mecalia Atlético Guardés, campión da EHF European Cup 2025/2026

Fotos:Cedidas

Xogadoras, técnicos e directivos do equipo Mecalia Atlético Guardés, xunto co alcalde da Guarda, na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela

Infogauda/A Guarda

 O equipo Mecalia Atlético Guardés desprazouse na tarde deste martes, 26 de maio de 2026, ata Santiago de Compostela, onde o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, recibiuno no Pazo de Raxoi para celebrar o título da EHF European Cup 2025/2026. Fito que por vez primeira logra un equipo de balonmán feminino de Galicia, facendo que o Mecalia Atlético Guardés volte a facer historia, como xa o fixera na temporada 2016/2017, cando logrou o título de campión de liga na División de Honra Feminina. E posteriormente, engadiu ao seu palmarés o subcampionato da Copa Europea EHF en 2022/2023, entre outros logros.

 No acto estaban tamén presentes o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso; o  Secretario Xeral para o Deporte, Roberto García Fernández; o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López Molina; o presidente do Club Balonman Atlético Guardés, Jesús López González; a vicepresidenta, Gloria María Rodríguez Pacheco; o tesoureiro, Enrique Martínez Alonso; e a vogal Patricia Vicente Baz. 

 O presidente do Goberno galego, recibiu ao equipo Mecalia Atlético Guardés no salón do Pazo de Raxoi "(...) onde - como dixo - facemos os grandes actos; onde toma posesión o Goberno; recibimos as grandes visitas e os grandes acontecementos.

 Esta mañá estivo aquí o [Real Club] Deportivo da Coruña, para celebrar o ascenso [a Primeira División] e agora estades vos polo logro que ten moitísimo mérito tamén, para o balonmán galego, en xeral, e un éxito engadido para o balonmán feminino e para Galicia. Polo tanto queremos recoñecelo e darvos as grazas polo esforzo, felicitarvos e decirvos que estamos moi orgullosos. Que ogallá que isto continúe. 

 Que ten ademais un mérito maior, efectivamente. Sempre asociamos os grandes éxitos deportivos con lugares moi grandes, onde parece que todo é máis sinxelo, e onde hai máis posibilidades. E en cambio vos estades na Guarda - está eiquí o alcalde - é un sitio moi importante, pero é máis pequeno que outros sitios que son máis grandes, e ainda así tedes un éxito que quixeran para eles moitísimos lugares, máis grandes, con máis instalacións, con máis potencia,... Bueno, un montón de cousas, que vos demostrades que non son imprescindibles e que se poden conseguir dende unha vila preciosa e importante na provincia de Pontevedra, pero que non deixa de ser pequena con respecto a outros sitios. Polo tanto iso tamén hai que poñelo en valor. 

 Estamos moi orgullosos do gran ano de Galicia que vai ser o Xacobeo 27, que vai ser aquí o centro de todo, pero ten que estar por toda Galicia e ter equipos que o representen, en moitísimos sitios. E cada vez que xoguedes, por suposto no voso pavillón e noutros moitos sitios onde vos toque, en Galicia e fora de Galicia, levade o nome do concello, o nome do voso equipo e o nome de Galicia tamén, para nós é moi importante e queremos recoñecelo. 

 Estamos falando moito de Galicia Calidade e hai moitas formas de demostrar que en Galicia hai calidade, e o balonmán feminino con vos é a mellor mostra. Polo tanto noraboa, a desfrutalo e ogallá que vos poidamos recibir un montón de veces máis. Moitísimas grazas por estar eiquí".

 En nome do Club Balonmán Atlético Guardés, o presidente Jesús López expresou o "agradecemento a Xunta de Galicia polo apoio ao club", dándolle "as grazas as persoas que traballan polo club, e a ver se podemos seguir colleitando éxitos", agradecendo tamén "as estas xogadoras que o deron todo".

 E nome das xogadoras fixo uso da palabra María Sancha, capitá do equipo, que mencionou o feito de que o Club Balonmán Atlético Guardés está nun pobo de pouco máis de 10.000 habitantes. Tamén deu as grazas pola axuda ao club, e afirmou que están moi ledas do que levan conseguido para o balonmán galego e para un pobo como A Guarda.

 Xogadoras, adestradora, técnicos e directivos do Mecalia Atlético Guardés gozaron o grato sabor do trunfo - froito do esforzo e do sacrificio -, non soio na recepción oficial no Pazo de Raxoi, senón na praza do Obradoiro, fronte a catedral de Santiago de Compostela, onde o mestre Mateo ubicou o Pórtico da Gloria. 

 En todo caso, a gloria está nos corazóns de todos os guardeses que nestes días viven a ledicia compartida do logro do equipo Mecalia Atlético Guardés, como algo que non se pode expresar con palabras, senón con agradecemento a todas as persoas que contribuiron a que esa fazaña deportiva poidamos gozala de xeito comunitario. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario