BALONMÁN FEMININO
O Guardés fai historia e levanta o seu primeiro título europeo (29-24, 44-53 global)
• O equipo baixomiñoto fíxose inmenso este domingo na Sangriña nunha volta da final da EHF European Cup que dominou en todo momento
• O Michalovce só logrou estar por diante nunha ocasión, e pola mínima, sen ameazar en ningún momento con arrebatar ao Guardés a renda da ida. O encontro foi toda unha exhibición das anfitrioas tanto en defensa como en ataque
• O potencial goleador repartiuse entre case todas as xogadoras, con Blazka e Sancha liderando con 4 goles cada unha, mentres que Balzinc e Mínguez foron fundamentais en defensa. Volveron da súa lesión Nerea Gil e Cristina Cifuentes
• O Guardés pecha así unha tempada histórica co segundo título de toda a súa historia, e o primeiro de corte continental para un equipo galego
Redacción Deportes/A Guarda
O esforzo tivo finalmente recompensa e o Mecalia Atlético Guardés xa coñece a gloria europea. As de Ana Seabra completaron a fazaña este domingo nunha A Sangriña a rebentar con máis de 1.200 asistentes, levándose sen indicio de dúbidas unha final da EHF European Cup á que a chegaban dominando ao Michalovce, de Eslovaquia, unha semana atrás. Os catro goles de renda da ida convertéronse en nove sumando os cinco froito dun segundo asalto de marcado acento guardés, onde destacou unha defensa excelsa e un ataque repartido entre todas as xogadoras. Os catro goles de Hauptman e Sancha lideraron, Ania Ramos foi MVP (acrónimo de Xogadora Máis Valiosa) e Balzinc e Mínguez foron determinantes baixo paus.
O primeiro gol desta final histórica chegou da man da capitá María Sancha, que transformou a primeira ocasión desde os sete metros para as anfitrioas antes de contar o marcador o segundo minuto desde o comezo. Pasaba o tempo e o da palentina seguía sendo o único acerto, con ambas as propostas ofensivas sufrindo ante senllas defensas igualmente agresivas (1-0, min. 5).
As eslovacas non lograron responder ata pouco despois, cando Giuliana Costa abriu a veda para un encontro que apuntaba tan igualado como en moitos momentos da súa primeira versión, unha semana atrás. Repetíanse as táboas no marcador preto de cinco minutos máis tarde (2-2, min. 9), con pequenas imprecisións limitando as posibilidades de anotar de ambos os conxuntos, así como as aparicións de tanto Balzinc como Yablonska baixo paus, que apuntaban a ser decisivas se as cousas seguían así.
Para cando chegou o ecuador desta primeira metade, o Guardés comezaba a ver os efectos deses erros non forzados que desembocaran en ata catro perdas de balón, alén dun desacerto no lanzamento que lle impedira crecer en ocasións clave. Todo iso levou ao Michalovce a liderar o encontro por primeira vez, e, en consecuencia, a Ana Seabra a parar o tempo para pedir calma (3-4, min. 14).
Ao regreso, a chamada de atención calou nas anfitrioas, pois dúas brillantes accións de Hauptman primeiro e Cacheda despois sumaron un 2-0 que devolvía o marcador o seu curso habitual (5-4, min. 17), con regreso de Cristina Cifuentes ao 40x20 nas accións defensivas incluído. Aínda tras o primeiro tempo morto de Vikartovsky, pouco tiveron que facer xa as súas, coa renda estirándose a máximos e a distancias moi complicadas para un equipo eslovaco que contaba tamén os catro goles do primeiro asalto (9-4, min. 23). O 4-0 era demoledor e parecía sentar xa o ton do resto do encontro aínda con tanto por diante, e a pesar das ganas de prudencia das galegas.
Pero o certo era que, mesmo con recuperacións do IUVENTA, esta primeira parte estaba xa sentenciada. Os seis goles de vantaxe nos que se ancoraran as de Ana Seabra, moi cómodas agora no xogo de ataque e dando protagonismo a todas as súas partes, así como as achegas dunha portería con acento francés que seguía ao seu, despexaban todo tipo de dúbida salvo desastre á volta do descanso (14-8, min. 30). A reacción agresiva do rival, que nestes minutos apertou en defensa e xerou varias exclusións e ata un cartón vermello directo a Emilia Kowalik, tampouco axudaba a unha posible remontada dun Michalovce totalmente desarmado.
As sospeitas confirmáronse ao comezo da segunda parte, que se converteu nunha auténtica exhibición das guardesas ante unha A Sangriña que saboreaba cada segundo. Cacheda e Mendoza desde o extremo seguían coa festa, á que se sumaban agora Martínez e tamén Palomo, quen se guisou e comeuse un 3-0 ela soa para levar a vantaxe ao inescalable (20-10, min. 35).
Comezou entón unha resposta interesante por parte das visitantes, que encadearon varias accións froito dunha mellor coordinación ofensiva para confeccionar un parcial 3-1 que falaba del como equipo loitador, pero apenas facía cóxegas a un marcador completamente branquivermello (21-13, min. 41). Por diante, vinte minutos para unha gloria europea que xa facía tremer toda A Guarda comezando pola bancada dun O Inferno que non deixara celebrar desde o minuto cero.
E no persoal de Ana Seabra, todas querían ter o seu papel nesta vitoria histórica. Mínguez dominaba agora a situación ante a rede guardesa, encadeando cinco paradas de categoría que coroaban unha actuación emocionante de Sempere e Ramos agora no ámbito goleador. Tamén sumou minutos Nerea Gil, ausente dos últimos encontros debido á difícil recuperación da súa lesión de xeonllo, acerto incluído; e unha Rosane Serrano que lideraba con carácter a misión imparable á rede de Lazorak.
Actuou ás súas anchas, en definitiva, un Guardés crecido ante os seus e que non só tiña 16 nomes e apelidos, senón que sumaba hoxe tamén os máis de mil que vibraban na bancada (26-16, min. 50). Restaban dez minutos que serían un mero trámite para un equipo baixomiñoto que, a diferenza do público da Sangriña, non pensaba aínda en nada máis aló do partido.
Non deixou de loitar o Michalovce aínda tendo todo en contra, xerando catro minutos de seca guardesa mentres construía unha nova minirremontada (28-22, min. 55). Pero a montaña era demasiada alta para os cinco minutos que restaban, nos que o Mecalia seguiu facendo o seu xogo a pesar do cansazo e pelexando cada balón coma se fose decisivo. Seguiu a mesma tónica nos cinco minutos finais, con Lorena Téllez pechando o marcador baixomiñoto, coroando unha vantaxe de cinco goles que podería ser moito maior pero máis que suficiente e satisfactoria para conseguir o ansiado título europeo e premiar o esforzo dun Guardés que xa é histórico contra vento e marea (29-24, final; 44-53 global).
Mecalia Atlético Guardés (14+15): Blazka Hauptman (4), María Sancha (4), África Sempere (3), Lorena Téllez (3), Cecilia Cacheda (3), María Palomo (3), Ania Ramos (3), Elena Martínez (2), Jazmín Mendoza (1), Rosane Serrano (1), Nerea Gil (1), Ariana Portillo (1), Cristina Cifuentes, Carme Castro, Amandine Balzinc (p.) e Sabina Mínguez (p.).
MSK IUVENTA Michalovce (8+16): Aline Bieger (6), Martina Popovcová (5), Karina Soskyda, Dorota Bacenkova (4), Emma Lukacova (4), Juliana Costa Pereira (3), Barbora Sabovova (2), Emilia Kowalik, Andrea Brajovic, Iryna Kompaniiets, Tamara Geffertova, Iryna Yablonska (p.), Barbora Jakubikova (p.) e Anastasiia Lazorak (p.).
Marcador cada cinco minutos: 1-0, 2-2, 4-4, 6-4, 10-6, 14-8, 19-10, 21-12, 22-14, 26-16, 28-20, 29-24.
Árbitros: Nichlas Nygaard e Jonas Primdahl (colexio danés). Amoestaron con cartón amarelo aos visitantes Iryna Kompaniiets e Maros Vikartovsky (adestrador) e excluíron con dous minutos ás locais Cristina Cifuentes e Carme Castro e ás visitantes Aline Bieger, Andrea Brajovic, Iryna Kompaniiets e Emma Lukacova. Expulsaron con cartón vermello directo á visitante Emilia Kowalik (min. 24).
Incidencias: Partido de volta da final da EHF European Cup 2025/2026, disputado no pavillón da Sangriña (A Guarda) ante 1.200 persoas e coa presenza de autoridades representantes da Real Federación Española de Balonmán, a European Handball Federation, a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Balonmán, a Deputación de Pontevedra, o Concello da Guarda, o Concello de Oia, o Concello do Rosal, e os principais patrocinadores do Club.



Ningún comentario:
Publicar un comentario