O BNG ESIXE TRANSPARENCIA SOBRE O ANUNCIO DA COMPRA DA CASA DE DON ELOI
Anxo Lois Baz (voceiro do Grupo municipal do BNG): “Solicitamos un pleno extraordinario ante a negativa do alcalde a dar explicacións a corporación municipal por un hipotético gasto de tal magnitude”
Infogauda/A Guarda
O BNG vén de solicitar un pleno extraordinario para que o alcalde da Guarda aclare a corporación municipal o anuncio feito sobre a compra da casa de Don Eloi. A solicitude do pleno extraordinario feita polo BNG está motivada na falta de resposta do alcalde a reiterada petición do BNG dunha reunión de portavoces na que dera explicacións sobre este anuncio.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Lois Baz Vicente, declarou “a nosa intención inicial era que o alcalde dera explicacións nunha comisión de portavoces que lle vimos solicitando reiteradamente desde fai xa un tempo. Como non respondeu, agora necesariamente non lle vai quedar máis remedio que dar conta diante do pleno da corporación porque está obrigado por lei”.
Anxo Lois Baz adianta que “na petición formulada polo BNG o alcalde terá que aclarar as hipotéticas xestións realizadas para a adquisición da casa de Don Eloi, así como do plan de usos previstos para esta casa e do proxecto de financiamento para a compra do inmoble así como para a súa rehabilitación”.
O voceiro nacionalista afirma que “desde o BNG vemos con preocupación os movementos do alcalde e o seu grupo de goberno. Fai poucos días dilapidaron 40.000€ nuns terreos para o punto limpo que non van construír e que polo tanto carecen de utilidade para o concello. Estamos diante dun equipo sen criterio, e sen rumbo que gastan os cartos en ocorrencias e desta volta a ocorrencia é moi cara. Esta adquisición, pola súa elevada contía, de ir adiante, impediría na práctica desenvolver nos próximos anos futuros proxectos estratéxicos para o concello como o tan necesario auditorio municipal”.
Anxo Lois Baz acrecentou: “resulta curioso que o alcalde e o seu goberno que teñen abandonado o patrimonio municipal, estean pensando nunha compra millonaria de máis patrimonio, que por certo, non se molestaron en explicar para que queren. Resulta tamén sorprendente que aposten por un investimento deste calibre cando ao concello se lle aveciña unha situación económica moi delicada pola previsíbel perda de subvencións millonarias provocadas por unha xestión desastrosa deste goberno municipal”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario