24 de abr. de 2026

VIGO / A CORUÑA

Denuncian despidos en Just Eat Takeaway para deslocalizar labores de coordinación

 A empresa de comida a domicilio vai aplicar un ERE para 60 persoas no conxunto do Estado que afectará a 4 persoas na Coruña e a 3 en Vigo  




Infogauda / Vigo/A Coruña  

 A FGAMT-CIG denuncia que a empresa de reparto de comida a domicilio Just Eat Takeaway vai levar a cabo unha serie de despidos no marco do proceso de reestruturación interna da área de operacións iniciado hai uns dous anos. Dende entón a compañía, na lóxica de aumentar beneficios precarizando as condicións laborais, non realiza novas contratacións neste departamento, ao tempo que foi aumentando a carga de traballo do persoal. Agora vai aplicar un ERE para 60 persoas no conxunto do Estado -que en Galiza afectará a 4 persoas na Coruña e a 3 en Vigo- co obxectivo de deslocalizar as labores de coordinación a Polonia. 

 De feito, con anterioridade un coordinador en Vigo, por exemplo, xestionaba unicamente a cidade, cuns 50-60 persoas repartidoras. A día de hoxe, ese mesmo coordinador está a xestionar Vigo, Ourense, A Coruña, Oviedo, Xixón, e múltiples zonas de Madrid, superando as 500 persoas repartidores. Ademais, é habitual que na mesma quenda teña que cubrir funcións do persoal coordinador doutras cidades. 

 A isto fóiselle sumando carga adicional que non corresponde ao posto orixinal: tarefas de IT, facturación, xestión de flota, xestión de pedidos, entre outras. “É dicir, foron ampliando funcións sen reforzar persoal, concentrando todo en menos persoas”, tal e como sinalan dende a representación da CIG na empresa. En paralelo, empezaron a desviar progresivamente funcións a Polonia, onde están a centralizar a operativa. A previsión é que alí asuman completamente estas funcións, o que implica na práctica a eliminación dos postos de operacións no Estado español. 

 “Desde o noso punto de vista, a finalidade é clara: reducir custos trasladando a actividade a un país con salarios máis baixos e cunha regulación laboral máis flexible, eliminando aquí a estrutura operativa. Ademais, esta descentralización tamén debilita a estrutura sindical no Estado, deixando as persoas repartidores e traballadoras máis illadas”. 

 Neste contexto, a dirección négase a negociar coa plataforma de persoas afectadas polo ERE e limita a interlocución a unha mesa de 13 persoas designadas polos sindicatos de maior representación estatal. “Trátase, en moitos casos, de perfís alleos ao colectivo directamente afectado (principalmente persoas repartidoras), vinculados a estruturas sindicais que xa participaron en acordos anteriores bastante cuestionados dentro da empresa”. 

 Isto está a xerar unha sensación entre o persoal de falta de transparencia e opacidade na negociación, deixando as persoas afectadas con moi pouca capacidade real de defensa. A isto súmase que a empresa non está a facilitar información aos comités provinciais nin documentación clave do proceso, o que dificulta mesmo a posibilidade dunha impugnación xudicial en condicións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario