13 de abr. de 2026

PONTEVEDRA

Máis de 300 persoas arroupan a 5ª edición dos Premios Mulleres FEMUPO 

Nunha gala marcada pola emoción, a sororidade e o compromiso coa igualdade  


Un momento da entrega dos galardóns da 5ª edición dos Premios Mulleres FEMUPO

Raquel Touriño / Pontevedra

 A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) celebrou este sábado 11 de abril na Finca Batacos (Pontevedra) a 5ª edición dos Premios Mulleres FEMUPO, reunindo a máis de 300 asistentes entre asociacións de mulleres, representantes das administracións públicas, organizacións empresariais, entidades do terceiro sector e numerosas persoas que non quixeron perder unha das citas máis relevantes da provincia en materia de igualdade.  

 A gala desenvolveuse nun ambiente de emoción e recoñecemento colectivo, no que cada momento —desde a recepción ata o peche— estivo marcado pola forza das relacións, os abrazos compartidos e a celebración das traxectorias femininas que deixan pegada no territorio.  

 Dende FEMUPO destacan que “cando as mulleres se recoñecen, se acompañan e se celebran, créase algo inmenso”, nunha noite que puxo en valor esforzos silenciosos, liderados valentes e vidas que constrúen igualdade desde o local.  

 Durante o acto presentouse ademais a canción “Mulleres que iluminan”, creada especialmente para os Premios Mulleres FEMUPO e xa dispoñible en plataformas como Spotify, reforzando a dimensión simbólica e emocional desta edición.  

 A cerimonia seguiu unha programación coidada que incluíu a chegada das premiadas, a intervención institucional de representantes da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e ENCE, así como a entrega dos galardóns nas diferentes categorías, acompañada de pezas audiovisuais que permitiron coñecer de preto as historias detrás de cada recoñecemento  

 Nesta edición foron recoñecidas:  

Montse Betanzos, artesá colareira do Grove, na categoría de Cultura  

Veteranas do Club de Remo Vila de Cangas, na categoría de Deporte 

Centro de Información á Muller da Lama, Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes, na categoría de Administración  

Raquel Touceda, de Fresas Touceda, na categoría de Empresa  

Asociación de Mulleres Rurais Albor de Valga, na categoría de Asociacionismo    

 Cada premio puxo en valor historias de vida, compromiso e resiliencia, lembrando que detrás de cada galardón hai unha traxectoria que inspira e transforma.    

 Desde a Federación subliñan que esta gala é o resultado dun traballo sostido no tempo, construído con esforzo, coordinación e compromiso colectivo: “é unha noite feita entre moitas mans e moitos corazóns, que demostra que cando as mulleres se unen, o resultado é poderoso e inesquecible”.  

 A entidade reafirma así a súa mensaxe: seguir xuntas, seguir avanzando e seguir inspirando, consolidando os Premios Mulleres FEMUPO como un espazo de encontro e visibilización do talento feminino na provincia.  

 Os Premios Mulleres FEMUPO 2026 son posibles grazas ao apoio do Plan Social ENCE Pontevedra, que financia este proxecto e permite o desenvolvemento dunha iniciativa de alto impacto social centrada na igualdade, o territorio e as persoas.  

 Así mesmo, FEMUPO quixo agradecer a colaboración de entidades como Vepersa, San Marcos Servicios Funerarios e Magnolia Studio, cuxa implicación contribúe a facer realidade unha gala destas características.  

 Desde a organización destacan que colaborar tamén é construír igualdade e apostar polo cambio, reforzando alianzas que fan posible seguir avanzando. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario