A XUNTA DE GALICIA FOMENTA O RELEVO DOS NEGOCIOS GALEGOS CO BONO REMUDA
• Reguera informou en rolda e prensa sobre esta iniciativa que conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros
• O programa incrementou o seu orzamento nun 20% con respecto ao ano pasado
Infogauda / Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa no edificio administrativo da Xunta na que informou sobre o Bono Remuda, unha iniciativa destinada a fomentar a transmisión de negocios economicamente viables e garantir a súa continuidade.
O programa, dirixido a persoas traballadoras autónomas no marco da orde unificada de apoios ao sector dotada con 40,7 M€, conta este ano cun orzamento de 1,5 millóns de euros, o que supón un incremento do 20 % respecto á convocatoria anterior. As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito dispoñible.
Durante a súa intervención, o delegado territorial destacou que o Bono Remuda “é unha ferramenta clave para facilitar o relevo xeracional nos pequenos negocios, evitando o seu peche e promovendo novas oportunidades de emprendemento”.
A iniciativa estrutúrase en dúas liñas diferenciadas. Por unha banda, o Bono Remuda Rural, destinado a negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes, que subvenciona ata o 75 % do prezo do contrato de relevo. Por outra, o Bono Remuda Xeral, dirixido a municipios de maior poboación, que cobre ata o 70 % do custo. En ambos casos, a contía máxima da axuda sitúase con carácter xeral en 30.000 euros, con determinadas excepcións recollidas na convocatoria.
O delegado territorial subliñou a importancia deste programa para “manter a actividade económica nos territorios, especialmente no rural, e apoiar a quen aposta por continuar proxectos empresariais xa consolidados”, ao tempo que puxo en valor a súa eficacia para conectar xeracións e garantir a pervivencia de negocios con potencial.
O Bono Remuda está incluído nunha orde única para persoas autónomas, que abrangue cinco programas. Este ano inclúe novidades na medida de promoción do emprego autónomo (28,9 M€), ao ampliarse a dous anos a cobertura da cota cero aos traballadores que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría ou silvicultura, fronte aos 12 meses da liña xeral.
A convocatoria contén tamén o Bono Nova Oportunidade (1,5 M€), para retornar ao autoemprego; o Bono Autónomo (8 M€), axudas a investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses activos; e incentivos á conciliación familiar (750.000 €).

Ningún comentario:
Publicar un comentario