22 de abr. de 2026

PONTEVEDRA

Seguridade viaria     

Abel Losada estrea en Vilaboa a campaña para previr atropelos de persoas maiores á que xa se apuntaron xa 21 concellos da provincia  

•  A Subdelegación e a Xefatura de Tráfico deron a voz de alarma tras rexistrarse 6 falecementos de peóns no que vai de ano 

 

Abel Losada agradeceu ao alcalde de Vilaboa, César Vidal, o seu interese por acoller esta primeira xornada formativa
Fotos: S. do G.


Infogauda / Vilaboa (Pontevedra)

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, puxo en marcha na Casa do Maior de Vilaboa a campaña da Subdelegación, a Xefatura Provincial de Tráfico e a Garda Civil para a prevención de atropelos de persoas maiores despois dun comezo aciago do ano, con 6 peóns falecidos por este motivo na provincia. 

 Abel Losada agradeceu ao alcalde de Vilaboa, César Vidal, o seu interese por acoller esta primeira xornada formativa e lembrou que este municipio sufriu dúas mortes durante o ano pasado por senllos atropelos de homes, tamén septuaxenarios, na N-554. 

 Abel Losada referiuse ao sexto atropelo, producido esta mesma mañá, ás 8.06 horas, á altura da rotonda de Ou Vao, na estrada autonómica PO-531 no termo municipal de Pontevedra. Un accidente cuxas circunstancias se investigan aínda e no que pereceu un home de 48 anos. 

 A campaña comezou coa entrega de chalecos reflectores ás persoas maiores participantes na actividade e, a continuación, unha sesión de formación que abriu o subdelegado e continuou coas intervencións, con consellos útiles, do persoal da Xefatura de Tráfico e o Subsector da Garda Civil. Á campaña iniciada en Vilaboa hanse adherido xa un total de 21 concellos. 

 Losada afirmou que o falecemento de seis peóns, cinco deles de máis de 70 anos no que vai de ano é “un dato intolerable”, porque supón igualar en só tres meses ao peor ano de toda a serie histórica.  

 O subdelegado, na súa intervención ante as persoas asistentes, relatou un por un os accidentes, que foron os seguintes: 

2 de febreiro. N-541 (estrada nacional). Cerdedo Cotobade. PK 84.8. Ás 8.20 horas atropelo en tramo limitado a 50 Km/h. Un home de 80 anos cruza sen chaleco reflector, vestido de escuro, cando estaba a amencer e, por tanto, había pouca luz natural. Meteoroloxía adversa, con choiva intensa. 

14 de febreiro. EP-2602 (estrada provincial). Mos. PK 1.2. Ás 12.40 horas en día despexado e boa visibilidade, unha muller de 86 anos é atropelada nun paso de peóns en tramo recto e con velocidade limitada a 30 Km/h. Cruzaba correctamente e levárona por diante. 

18 de marzo. EP-6201 (estrada provincial). Rodeiro. PK 0,6 ás 18.10 horas. Día despexado e con luz natural. Atropelo a peón, muller de 89 anos, que irrompe en calzada nun tramo limitado a 50 Km/h. 

28 de marzo. PO-549 (estrada autonómica). Vilanova de Arousa. PK 3.4. Ás 17.45 horas, con boa visibilidade, atropelo a unha muller de 88 anos que cruzaba irregularmente a estrada, a pesar de que a menos de 30 metros había un paso de peóns. 

1 de abril. PO-344 (estrada autonómica). Tomiño. PK 2+900. Ás 15.54 horas un peón, home de 77 anos, que paseaba pola beiravía correctamente é alcanzado por un vehículo que se sae da vía. 

 A esta relación hai que engadir o atropelo desta mesma mañá en Pontevedra.  

 “Un só falecido é unha perda terrible e hai que facer o posible por evitalo”, afirmou. E engadiu que, aínda que isto non supón ningún alivio para as familias, dúas dos cinco peóns atropelados morreron respectando as normas (unha usando o paso de peóns e o outro camiñando por unha beiravía), mentres que os tres restantes cruzaban as estradas irregularmente. 

 O subdelegado recalcou tamén que os datos seguen demostrando “de xeito teimoso” que a sinistralidade non entende de titularidades das estradas, pois dous accidentes mortais con atropelo producíronse en estradas provinciais, dúas en estradas autonómicas e un nas nacionais. 

 Finalmente, subliñou que hai accidentes mortais de día de noite, con boa e baixa visibilidade, con pasos de peóns e sen eles e mesmo con limitación de velocidade estrita e xenérica. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario