9 de abr. de 2026

A GUARDA

A PLATAFORMA DA SANIDADE DA GUARDA CHAMA A PARTICIPAR NA CONCENTRACIÓN DIANTE DO CENTRO DE SAÚDE DO ROSAL O 13 DE ABRIL


Membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública nunha mobilización en Santiago de Compostela
 

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública / A Guarda

 Os sistemas baseados na Atención Primaria conseguen unha maior esperanza de vida, menor mortalidade, mellor control de enfermidades e bo funcionamento do Sistema Sanitario.    

 O abandono da Atención Primaria por parte da Xunta da Galiza está a xerar problemas nos centros de saúde, coa xeración de barreiras no acceso á atención sanitaria, demoras inasumíbeis para unha consulta de medicina de familia, abuso das citacións telefónicas e ausencia de profesionais que garantan continuidade asistencial aos doentes. Observamos longas demoras nas consultas de hospital e intervencións cirúrxicas, barreiras na derivación para as mesmas e unha aposta decidida pola derivación de procesos á entidades concertadas e privadas.    

 Estes son ataques á liña de flotación do noso sistema sanitario e, directamente contra a nosa saúde e a das nosas familias e seres queridos. As consecuencias están á vista: unha Atención Primaria bloqueada, unhas Urxencias saturadas e peor prognóstico de enfermidades, o que implica aumento da mortalidade e maior sofrimento das persoas enfermas.

 Na Guarda padecemos longas esperas para podermos consultar cos nosos profesionais de referencia e non esquecemos que actualmente os pacientes de dous dos oito cupos existentes de medicina de familia non dispoñen de médico que siga no tempo os seus problemas, véndose abocados ao uso da consulta urxente no día a día.

 Conscientes disto, tamén sabemos que no concello veciño do Rosal só teñen unha médica de familia disponíbel, que soporta a atención dos catro cupos do centro, nunhas condicións inasumíbeis. A desatención que isto xera nunha grande parte da sociedade rosaleira é intolerábel e afecta a moitos centos de persoas. Ademáis, ao ser o noso centro da Guarda o centro cabeceira da unidade, con frecuencia as consultas urxentes do Rosal son derivadas ao centro de saúde da Guarda para a súa atención, o que osbtaculiza aínda máis a atención da propia poboación guardesa.    

 O luns 13 ás 12 da mañá, a plataforma SOS Sanidade Pública ten convocadas concentracións ante os centros de saúde para demandar o incremento do orzamento da Atención Primaria ao 25% como recomenda a OMS, garantir accesibilidade e continuidade asistencial, combater o abuso da medicalización, enfocar a Atención Primaria na prevención da enfermidade e a promoción da saúde, unha política de persoal xusta e incentivadora, asegurar a formación especializada en Atención Primaria do persoal que o Sergas contrata para AP e especial atención aos problemas de Saúde Mental.    

 Facemos nosas estas demandas e esiximos a cobertura completa dos postos de medicina de familia dos centros de saúde da Guarda e do Rosal. Chamamos, esta ocasión, a cidadanía guardesa, a concentrarse ante o centro de saúde do Rosal para amosar a forza conxunta de ambas poboacións.    

 A Sanidade non se vende!

Ningún comentario:

Publicar un comentario