Medra a oposición ao convenio ARTE con máis centros de traballo pechados nunha nova xornada de folga nas catro provincias
• Milleiros de persoas traballadoras tomaron as rúas para rexeitar os intentos de precarizar as condicións e centralizar a negociación colectiva
Infogauda / Galiza
A nova xornada de folga convocada hoxe pola CIG no marco da loita contra o convenio ARTE (Asociación Retail Textil de España) rexistrou un seguimento aínda maior que a anterior, con máis centros de traballo pechados e milleiros de persoas traballadoras do gran comercio téxtil e de calzado nas rúas das catro provincias galegas. A mobilización coincidiu con outra xuntanza da mesa negociadora en Madrid, na que a patronal entregou o resto da plataforma de convenio, confirmándose a súa pretensión de precarizar as condicións laborais e centralizar a negociación colectiva deixando sen efecto as melloras e dereitos contemplados nos convenios provinciais.
Dende a CIG-Servizos explican que o empresariado aproveitou o encontro -que terá continuidade o vindeiro 11 de maio- para achegar a segunda parte da súa proposta, que é idéntica á inicial pero que incorpora dúas novidades, que teñen que ver co complemento de incapacidade temporal e coa creación de comités intercentros a nivel estatal.
A respecto do complemento de IT por enfermidade común, pretenden que a persoa afectada non cobre nada durante os primeiros tres primeiros días; o 75% até o día 20; e o 85% desde día 21 e só durante un ano. Mentres que o de accidente de traballo sería do 100%. Pero en ambos os casos sería sobre o salario base no canto de sobre a base de cotización, “o que suporía unha diminución dos ingresos moi importante para as persoas enfermas”.
Esta redución afectaría sobre todo ás provincias nas que vai haber ad personam por teren a día de hoxe ingresos máis altos que os que se aplicarían no caso de asinarse ARTE. Porque ese complemento deixaría de cobrarse na súa totalidade durante as baixas. (Na Coruña, por exemplo, o ad personam vai rondar os 150 €/mes, “tirando polo baixo”.)
Outra das novidades é o estabelecemento de comités intercentros estatais en cada empresa para reducir a capacidade reivindicativa de cada provincia. “Con isto búscase debilitar a capacidade de negociación e laminar a presenza da CIG”. A parte social insiste en reclamar que se poida continuar a negociar en ámbitos inferiores e que se garanta a prevalencia dos convenios provinciais, “algo que xa se lles foi recoñecido ás persoas traballadoras vascas; mentres que as galegas son discriminadas por Inditex, que conta con máis do 50% da representatividade no convenio”.
Por iso o persoal do sector comezou unha loita para rexeitar o preacordo asinado o pasado día 23 de marzo pola asociación ARTE (que agrupa ás grandes multinacionais como Inditex, H&M, Mango, Primark ou Tendam) e os sindicatos CCOO e Fetico. Ademais, CIG-Servizos dirixiuse até en dúas ocasións á Confederación de Empresarios/as de Galiza (CEG) para demandarlle á patronal galega que sente negociar un acordo interprofesional galego do comercio que blinde os convenios provinciais e garanta a súa prioridade aplicativa.
A central sindical denuncia que, con respecto aos actuais convenios provinciais, as condicións recollidas no preacordo ARTE suporían unha rebaixa de entre 2000 e 3000 euros/ano -dependendo da categoría- na Coruña e Pontevedra (5000 euros menos no caso das persoas traballadoras que se incorporen ás tendas Inditex na provincia coruñesa); a desaparición do complemento de antigüidade para o persoal de Lugo e Ourense; e a perda do complemento de permanencia na Coruña.
Ademais, estabelécese a obrigatoriedade de traballar nos domingos e festivos de apertura; a planificación de horarios e calendarios redúcese a cinco semanas de antelación; recupérase a categoría de persoal axudante dependente durante 15 meses; e autorízase a contratación fixa-descontinua a tempo parcial.
Aumento da xornada anual
A respecto da xornada anual pactada (1770 horas para o ano 2026, 1760 para 2027 e 1740 para 2028), a central sindical advirte que, malia a propaganda, as horas de traballo anuais aumentarían en realidade, xa que o tempo de descanso de cada día (de 15 minutos como mínimo) deixaría de computar como tempo efectivo de traballo.
Pero ademais, a sinatura definitiva deste convenio estatal significaría a desaparición ou redución ao mínimo das negociacións provinciais; conxelar durante anos as condicións laborais e salariais do persoal que xa está contratado; e a precarización daquelas persoas que se vaian incorporando ao sector, xerando condicións dispares entre persoas da mesmo centro que realizan as mesas funcións.
Por iso, o convenio impulsado por ARTE non só afectará ao persoal das grandes empresas senón que terá consecuencias sobre as condicións laborais das persoas empregadas no pequeno comercio, que verán como desaparecen aos poucos ou se negocian á baixa os seus convenios de referencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario