23 de mar. de 2026

TUI

O DELEGADO TERRITORIAL VISITA O RESULTADO DOS TRABALLOS DE REFORMA DO ASCENSOR DO IES SAN PAIO  

 A actuación foi posible grazas a un investimento de preto de 32.000 euros da Xunta de Galicia

 O delegado territorial lembrou a importancia de contar con instalacións educativas accesibles 


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado dos traballos de reforma do ascensor do IES San Paio

Foto: X.G.

Infogauda / Tui

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado dos traballos de reforma do ascensor do IES San Paio, no concello de Tui.  

 Os traballos foron posibles grazas a unha achega da Xunta de preto de 32.000 euros e permitiron mellorar a accesibilidade do edificio. Trátase dunha obra especialmente importante para dar servizo ao profesorado e alumnado con mobilidade reducida e que agora goza dunha maior autonomía e comodidade.  

 O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar o compromiso da Xunta coa educación pública e o mantemento dunhas instalacións educativas “accesibles para todo o mundo”.  

Plan de nova arquitectura pedagóxica 

 O Goberno galego ten un compromiso coa renovación e adaptación dos colexios e institutos ás necesidades do século XXI ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica.  

 Esta folla de ruta abrangue tanto as partidas anuais para as grandes obras en execución, como a construción de novos centros ou rehabilitacións integrais, así como intervencións de pequena e mediana envergadura que adoitan acometerse nos meses de verán (reformas de baños, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización, tarefas de pintura ou arranxos de patios, entre outras).

Ningún comentario:

Publicar un comentario