20 de mar. de 2026

PONTEVEDRA

FEMUPO lembra que aínda é posible asistir á 5ª edición dos Premios Mulleres FEMUPO

• Que se celebrará o 11 de abril na Finca Batacos

 


Raquel Touriño / Pontevedra  

 A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) ultima xa os preparativos da 5ª edición dos Premios Mulleres FEMUPO, que terá lugar o vindeiro sábado 11 de abril ás 20:00 horas na Finca Batacos (Pontevedra), e lembra que aínda é posible confirmar asistencia para participar nesta noite dedicada á igualdade e ao recoñecemento das mulleres referentes da provincia. 

 A gala contará coa presentación da xornalista e presentadora da TVG Ana Pérez, quen conducirá unha velada que reunirá a representantes institucionais, entidades sociais e persoas comprometidas coa igualdade. 

 Os Premios Mulleres FEMUPO consolidáronse nos últimos anos como un dos eventos sociais e institucionais máis destacados da provincia en materia de igualdade, recoñecendo o labor de mulleres e colectivos que contribúen de maneira exemplar ao desenvolvemento social, cultural e económico do territorio. 

 Nesta edición serán recoñecidas: 

• Montse Betanzos, artesá colareira do Grove, na categoría de Cultura. 

• Veteranas do Club de Remo Vila de Cangas, na categoría de Deporte. 

• CIM A Lama, Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes, na categoría de Administración. 

• Raquel Touceda, de Fresas Touceda, na categoría de Empresa.

• Asociación de Mulleres Rurais Albor de Valga, na categoría de Asociacionismo.

 O evento incluirá a cerimonia de entrega dos premios, a amenización musical a cargo de Noite Son e un cóctel final de confraternización, nun espazo pensado para compartir experiencias e reforzar o compromiso colectivo coa igualdade. 

 Desde FEMUPO sinalan que esta edición promete ser unha das máis especiais ata o momento, consolidando estes premios como un espazo de encontro para visibilizar referentes femininos e poñer en valor o papel das mulleres na transformación da sociedade.

 As persoas interesadas en asistir aínda están a tempo de confirmar a súa presenza. Para facilitar a organización do evento, FEMUPO solicita realizar a inscrición antes do martes 6 de abril de 2026 a través do seguinte formulario: 

https://forms.gle/Y66pgBZiiFFrWFdy8 

 A federación anima á cidadanía, ás entidades sociais e ás institucións a sumarse a esta celebración da igualdade e do talento feminino da provincia de Pontevedra. 

 Este evento forma parte do proxecto Premios Mulleres FEMUPO, desenvolvido coa colaboración do Plan Social ENCE Pontevedra, que apoia iniciativas de alto impacto social orientadas ao desenvolvemento do territorio, á igualdade de oportunidades e ao fortalecemento do tecido social da provincial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario