No Parlamento de Galicia
O Partido Popular vota en contra de impulsar un Centro de Día para Oia
Infogauda / Oia
O Partido Popular votou en contra no Parlamento de Galicia dunha iniciativa do Grupo Parlamentario Socialista de Galicia que reclamaba a creación dun centro de día para o concello de Oia, unha infraestrutura clave para atender ás necesidades dunha poboación cada vez máis envellecida.
A proposta socialista instaba á Xunta de Galicia a incluír nos próximos orzamentos unha partida específica para dotar a Oia deste servizo esencial dentro do Plan de equipamentos sociais. Sen embargo, foi rexeitada cos votos en contra do PP.
Durante o debate en comisión, a deputada socialista Elena Espinosa advertiu da situación límite que viven as persoas maiores de Oia, obrigadas a desprazarse ata 50 quilómetros diarios para poder acceder a un centro de día.
Espinosa explicou que o único recurso da comarca, situado en Tomiño, conta con arredor de 40 prazas e está completamente saturado, o que deixa a Oia sen cobertura efectiva.
“Oia ten arredor de 3.000 habitantes e un 27% da súa poboación supera os 65 anos, pero segue sen contar cun recurso básico como un centro de día”, sinalou a deputada.
“Esta situación - engadiu -, penaliza especialmente ás persoas maiores con mobilidade reducida e ás familias coidadoras, que ven incrementada a súa carga diaria e reducidas as posibilidades de conciliación”.
Desde o PSOE lembran que esta demanda non é nova. Xa en novembro de 2024 o Grupo Parlamentario Socialista solicitou incluír unha partida específica nos orzamentos da Xunta para a posta en marcha deste servizo, sen que ata o momento se teña producido ningún avance nin confirmación de que Oia estea incluída na planificación autonómica.
Os socialistas denuncian que, a pesar de cumprir criterios claros como o envellecemento da poboación, a dispersión xeográfica e o risco de despoboamento, Oia continúa sen ser unha prioridade para a Xunta en materia de servizos sociais.
“O que está en xogo non é só un equipamento, é garantir unha atención digna ás persoas maiores e permitir que poidan seguir vivindo no seu entorno”, destacan.
Desde o PSOE advirten de que a falta de servizos no rural contribúe directamente ao seu abandono: “Se o rural non ten servizos, o rural esváese”.
Por iso, insisten en reclamar un compromiso real da Xunta, con financiamento e prazos definidos, para facer realidade un centro de día en Oia.
“Oia non pode depender dun recurso saturado e afastado mentres a súa realidade demográfica segue avanzando”, conclúen.

Ningún comentario:
Publicar un comentario