O PSdeG-PSOE do Porriño solicita se estipule un período máximo de ocupación para as vivendas de emerxencia social
PSdeG/PSOE do Porriño
Dende o PSdeG/PSOE do Porriño coñecemos a situación do caso dunha porriñesa que, xunto a súa filla menor de idade, foi desafiuzada do seu domicilio ao deixar de pagar o aluguer do mesmo a súa exparella, tal como acordaran. Acudíu aos Servizos Sociais do Concello do Porriño, que lle ofreceron o aluguer dunha habitación nunha vivenda compartida.
Esta alternativa de urxencia atópase nun entorno pouco recomendable para a menor polo que, actualmente, foron os pais e nais dos compañeiros de clase da nena, os que decidiron facer unha recollida de cartos para poder pagarlles un aloxamento adecuado nun hotel do Porriño.
Dende a agrupación socialista, a concelleira Sthela Táboas indicou que “resulta vergoñento que un Concello coma o do Porriño, que tanto orzamento desvía para orquestas, festas e festivais, permita que teñan que ser estes pais os que teñan que asumir este gasto”.
Pero o Concello do Porriño dispón de vivendas de emerxencia social das que, nun caso coma este, debería estar dispoñible algunha delas. Pero non é así, explica Táboas “atopámonos con que están ocupadas dende fai máis de dez anos, sin control, permitindo que mentres uns abusan das axudas municipais, outros quedan sin oportunidade. A finalidade dos realoxos de urxencia é ofrecer unha solución temporal, non permanente”.
O mesmo presidente da Comisión informativa, o concelleiro Carlos Martínez, recoñeceu que algúns dos beneficiarios destas axudas de emerxencia levan máis de dez anos residindo nelas, as súas condicións mudaron e xa non serían beneficiarios e, ademáis, algunha vivenda presenta graves destrozos.
As personas físicas residentes legalmente na Comunidade Autónoma de Galicia teñen dereito a desfrutar dunha vivenda digna e axeitada, conforme ao disposto no Estatuto de autonomía para Galicia e na Constitución española. Pero ofrecer unha solución digna a casos de extrema urxencia coma o indicado, non está nas prioridades deste goberno.
Por este motivo dende o PSdeG-PSOE do Porriño solicitaremos, no Pleno do vindeiro luns 30 de marzo, unha auditoría do estado das vivendas e dos seus ocupantes; así coma o establecemento dun periodo de ocupación e prórroga máxima, que ben podería establecerse en 24 e 6 meses, respectivamente, nas vivendas destinadas para emerxencia social de titularidade municipal.
Agardamos que, por sentido común, se aprobe esta moción e atendan a esta nai e a súa filla coma corresponde. “O Concello do Porriño ten que ter un maior control das condicións nas que se están a ocupar estas vivendas e do seu uso, facendo un seguemento continuado de cada unha delas e non consentir a permanencia indefinida”, remata a concelleira socialista, Sthela Táboas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario