27 de mar. de 2026

O PORRIÑO

A CIG aumenta a súa maioría no comité do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galiza 

A central pasou de 7 a 10 representantes no proceso de eleccións sindicais que se vén de celebrar na empresa con sede no Porriño 


Mobilización do persoal do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galiza (CTAG) en novembro de 2025
Foto: CIG

Infogauda / O Porriño

 A CIG aumentou a súa maioría no comité de empresa do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galiza (CTAG) ao obter 10 dos 21 representantes que se escollían no proceso de eleccións sindicais que se veñen de celebrar na compañía con sede no Porriño. A central sumou 3 novas persoas delegadas con respecto ao proceso anterior ao contabilizar 215 apoios dos 443 votos válidos rexistrados. 

 Nas eleccións que tiveron lugar onte no CTAG a candidatura da CIG contou co respaldo maioritario do cadro de persoal, quedando de feito a un só representante da maioría absoluta. Este resultado valida o traballo desenvolvido pola representación da central sindical na empresa nos últimos catro anos, sendo a única organización que se negou a asinar tanto o ERE como o ERTE promovido pola dirección en outubro do ano 2024 e convocando paros e mobilizacións para esixir a súa retirada. 

 Ademais, nos últimos catro anos a CIG convocou en solitario diversas mobilizacións e dúas folgas con bo seguimento para denunciar a actitude pasiva da Fundación CTAG e en contra da precariedade laboral e a cesión ilegal de persoas traballadoras, para reclamar uns salarios dignos e unhas categorías xustas e para rexeitar os despedimentos levados a cabo pola empresa durante 2024, antes dos procesos de regulación de emprego. 

De 7 a 10 representantes 

 Nas eleccións sindicais contabilizáronse un total de 443 votos válidos, 8 en branco e 6 nulos. A CIG fíxose con 215 (10 representantes), o sindicato “independente” con 119 (6 representantes) e CCOO con 109 (5 representantes). No anterior proceso a CIG obtivera 7 persoas delegadas, CCOO 8 e o sindicato “independente” 6. 

 As persoas representantes da CIG elixidas para esta nova andadura queren trasladarlle o seu agradecemento ás compañeiras e compañeiros que depositaron a súa confianza na lista da central sindical e reiterarlles o seu firme compromiso na defensa e na mellora das súas condicións laborais, así como no seu labor de vixilancia do cumprimento da normativa laboral vixente en todas as súas vertentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario