24 de mar. de 2026

CULTURA

A Casa de Galicia acolleu a presentación da xira de concertos de Amancio Prada en Madrid 

 Os concertos celebraranse o 22 e 23 de abril no Gran Anfiteatro do Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Madrid


Durante a súa intervención, Luis E. Ramos destacou a profunda vinculación de Amancio Prada coa figura de Rosalía de Castro
Foto: X.G.

Infogauda / Madrid

 O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, presidiu esta mañá a presentación da xira de concertos de Amancio Prada, organizada con motivo do 50 aniversario da publicación do seu emblemático disco Rosalía de Castro (1975).  

 Durante a súa intervención, Luis E. Ramos destacou a profunda vinculación de Amancio Prada coa figura de Rosalía de Castro, lembrando que “o seu primeiro contacto coa autora remóntase á súa mocidade, cando, con apenas 17 anos, sentiu por primeira vez a morriña e a emoción a través dos seus versos”. Así mesmo, subliñou a estreita relación do artista coa Casa de Galicia en Madrid, onde desde a súa inauguración en 1992 participou en diversos actos.  

 O director puxo tamén en valor a traxectoria do artista, distinguido con recoñecementos como a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro ou o Premio da Cultura Galega da Música, entre outros, destacando o seu papel esencial na difusión da lingua e da cultura galegas.  

 Os concertos terán lugar os vindeiros días 22 e 23 de abril no Gran Anfiteatro do Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Madrid, nun formato íntimo no que a voz do artista e as guitarras ocuparán o centro do escenario. O evento configurará por primeira vez un concerto monográfico no que Amancio Prada interpretará exclusivamente temas rosalianos.  

 Tal e como sinalou o artista, “non se trata só dunha celebración de aniversario, senón dun encontro coa memoria colectiva, unha cerimonia de gratitude e unha demostración do poder da poesía para inspirar e unir á xente” arredor da poesía de Rosalía de Castro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario