Tomiño busca as claves para conectar coas novas xeracións
• A estrela do rock da filosofía David Pastor Vico afondará nos retos comunicativos con infancia e adolescencia centrándose na confianza e no pensamento crítico
• A cita será o mércores 11 de febreiro ás 19.00 horas no auditorio de Goián con entrada de balde
Infogauda / Tomiño
Nun mundo saturado de mensaxes, pantallas e ruído constante, comunicar xa non é só falar: é saber xerar confianza. Con esta premisa como punto de partida, a XI Semana da Educación de Tomiño continúa o seu percorrido cunha nova cita pensada para familias, profesorado e público en xeral que queira comprender mellor como relacionarse coas novas xeracións nun contexto dixital complexo e cambiante.
Será da man da estrela de rock da filosofía David Pastor Vigo, que o vindeiro mércores 11 de febreiro subirase ao escenario do auditorio de Goián (19.00 h) para darnos as claves de “Como comunicarnos coas novas xeracións”, un encontro de balde que invita a reflexionar sobre a comunicación, a aprendizaxe e o papel dos adultos na educación emocional e crítica da infancia e da adolescencia.
Pastor Vico parte dunha idea clara: non existe comunicación nin aprendizaxe sen confianza. Nunha contorna dixital onde o quen e o como se fala se mesturan constantemente, a dúbida tende a desaparecer en favor dunha credulidade automática. Ante este escenario, o divulgador propón recuperar as regras éticas da comunicación, fomentar a dúbida ben orientada, activar o pensamento crítico e redirixir a confianza cara a fontes de coñecemento rigorosas e verdadeiramente nutritivas.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “esta charla interpélanos directamente como sociedade e como adultos, porque non podemos esixir espírito crítico ás novas xeracións se non somos capaces de dar exemplo”. A rexedora subliñou ademais que “a Semana da Educación quere ofrecer ferramentas reais para acompañar ás crianzas e á mocidade, poñendo o foco no benestar emocional e na saúde mental, pero tamén na responsabilidade colectiva que temos como referentes”.
David Pastor Vico é divulgador de filosofía e pensamento crítico, escritor e docente, cunha traxectoria desenvolvida entre España e México. Especializado en ética e filosofía aplicada á contorna educativa e profesional, acadou unha gran repercusión co seu último libro, Era de idiotas, convertido nun best seller no que analiza cuestións como o individualismo, a desconfianza social ou as carencias educativas actuais.
Lonxe de sinalar a mozos e mozas como unha “xeración de cristal”, insiste en poñer o foco nos adultos e no exemplo que ofrecen a quen vén detrás.
Esta conferencia forma parte da XI Semana da Educación, unha cita xa consolidada que converterá de novo a Tomiño nun referente educativo do 9 ao 12 de febreiro, cun programa de catro conferencias de recoñecidos expertos e expertas que comparten un eixo común: o benestar emocional e a saúde mental na infancia e na adolescencia. Todas as charlas terán lugar ás 19.00 horas no Auditorio de Goián, con entrada libre.

Ningún comentario:
Publicar un comentario