Unha educación sexual de calidade, clave para previr problemas de saúde mental na adolescencia e na idade adulta
• A mellor xinecóloga de España, Miriam Al Adib, pechou a XI Semana da Educación cunha mensaxe clara: educar é protexer
• Máis de 450 persoas pasaron durante estes catro días polo auditorio de Goián para continuar aprendendo
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
A saúde mental tamén se constrúe desde a educación sexual. Con esta idea de fondo, o Concello de Tomiño clausurou a súa XI Semana da Educación cun Auditorio de Goián ateigado de público, que respondeu de novo ao chamamento dun programa consolidado e cada vez máis necesario.
A xornada de peche correu a cargo da médica Miriam Al Adib Mendiri, considerada a xinecóloga mellor valorada do Estado español durante tres anos consecutivos, que ofreceu a conferencia “A educación sexual: que ten que ver coa saúde mental?”, unha charla na que abordou a sexualidade desde unha perspectiva integral, conectando corpo, emocións, vínculos e contexto social.
Durante a súa conferencia, Miriam Al Adib incidiu en que “cando falamos de educación sexual seguimos centrados na prevención de ITS ou embarazos non desexados, na parte máis física e mecanicista”. Porén, advertiu que “unha educación sexual de calidade prevén moitos problemas de saúde mental e vulnerabilidades na adolescencia e mesmo na idade adulta, porque todo o que comeza nesa etapa pode repercutir máis adiante”.
“Fagamos o que fagamos, a educación sexual está ocorrendo”, afirmou, facendo fincapé en que a cuestión non é se se educa ou non, senón como e con que enfoque. A especialista diferenciou sexualidade de sexo e lembrou que, segundo a OMS, a sexualidade é un aspecto central do ser humano ao longo de toda a vida, que inclúe identidade, vínculos, intimidade, pracer e relacións.
Al Adib tamén puxo o foco na realidade dixital actual: “Non buscan o porno, o porno búscaos a eles”, alertando do impacto das pantallas e da exposición temperá a contidos que poden distorsionar a percepción das relacións. E deu un dato alarmante: “o 90% dos pais e nais pensan que os seus fillos e fillas non ven porno e o 90% das e dos adolescentes xa viron porno”.
Para a xinecóloga, educar sexualmente é ofrecer ferramentas para a autonomía e o autocuidado, xa que “permite tomar decisións informadas sen coacción, culpa ou medo; saber cando pedir axuda e construír relacións baseadas na responsabilidade, no respecto e na reciprocidade”. E foi contundente ao afirmar que “educar sexualmente non é incitar, é garantir dereitos humanos”.
A conferencia puxo o broche a unha edición que volveu situar a Tomiño como referente na reflexión educativa, abrindo espazos seguros para abordar, con rigor e sensibilidade, cuestións fundamentais para o benestar emocional da infancia e da adolescencia. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou o éxito dunha edición que superou as 450 persoas inscritas. “A resposta da veciñanza confirma que a Semana da Educación é xa unha cita imprescindible. Seguiremos traballando desde hoxe mesmo na próxima edición porque falar de educación é falar de futuro”, sinalou, agradecendo a implicación de relatoras, profesionais e público asistente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario