18 de feb. de 2026

TOMIÑO

Tomiño fai rodar a palabra de Rosalía de Castro nunha viaxe de contos e memoria 

 O Espazo Isaura Gómez acollerá este sábado 21 de febreiro, ás 12.00 horas ‘Contos nunha roda: Rosalía’, unha proposta familiar para conmemorar o Día de Rosalía e da Lingua Materna  




Infogauda / Tomiño

 A palabra de Rosalía de Castro volverá soar viva, cantada e contada nun pequeno teatro de papel cheo de historias e emocións no Espazo Isaura Gómez. O Concello de Tomiño conmemorará o Día de Rosalía e o Día da Lingua Materna, que se celebra o vindeiro 23 de febreiro, cunha actividade pensada para gozar en familia: ‘Contos nunha roda: Rosalía’, un espectáculo de monicreques e contacontos da man de Esteban Acuña, de Tarabelos, o sábado, 21 de febreiro, ás 12.00 horas, con entrada libre ata completar a cabida. 

 A través da técnica do kamishibai, unha forma milenaria de narración oral procedente do Xapón cun pequeno teatro de papel que tradicionalmente ía montado nunha bicicleta percorrendo vilas e aldeas, o público poderá achegarse á figura de Rosalía de Castro e ao seu libro Cantares Gallegos dun xeito diferente e participativo.  

 Durante o espectáculo, descubrirase a Rosalía máis inconformista, a que denunciou as desigualdades de xénero, de lingua e de clase social. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou a importancia de celebrar estas datas “desde a creatividade e a participación familiar, facendo que a nosa lingua e as nosas referentes culturais formen parte da vida cotiá das crianzas. Rosalía segue a ser unha voz plenamente vixente, que nos interpela sobre a igualdade, a identidade e a dignidade do noso idioma”. 

 Desde o Concello anímase ás familias a participar nesta proposta cultural que combina tradición e innovación para poñer en valor a lingua galega e o legado dunha das figuras máis universais da nosa literatura. Unha oportunidade para celebrar en comunidade que a palabra, cando se comparte, segue a rodar e a medrar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario