16 de feb. de 2026

PONTEVEDRA

Luis López entrega os primeiros premios +Aqua, un novo recoñecemento da Deputación ás comunidades de auga polo seu esforzo por un acceso universal e sustentable 

 O presidente da Deputación, acompañado polo deputado Javier Tourís, salienta o labor destes colectivos, cuxos proxectos foron distinguidos nun certame que repartiu 12.000 euros repartidos en 12 categorías e recibiu un total de 37 candidaturas


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e os deputados do goberno provincial Javier Tourís, Jorge Cubela, Paula Bouzós, Ricardo Martínez e Pablo Castillo, cos representantes das comunidades de usuarios de auga, distinguidas nos primeiros premios +Aqua

Foto: Rafa Estévez


Infogauda / Pontevedra

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece o esforzo das comunidades de usuarios de auga para facer un consumo responsable da auga, mellorar a calidade de vida da veciñanza do rural da provincia e afrontar o reto demográfico coa entrega dos primeiros premios +Aqua. Uns galardóns que distinguen os doce mellores proxectos destas comunidades repartidos en catro categorías cos que o goberno provincial demostra o apoio e compromiso con estas entidades, así como coa sustentabilidade e a mellora dos servizos e infraestruturas para fixar poboación no rural. “Desde a Deputación estamos a destinar máis recursos ca nunca, para impulsar máis proxectos ca nunca e para facilitar como nunca fixera esta Administración o voso labor. Estes premios, non son un premio. Son un exercicio de responsabilidade institucional con todos eses colectivos que poñen o seu tempo, as súas ideas e os seus recursos a disposición da provincia”, afirmou o mandatario provincial despois de entregar, xunto ao deputado de Acción Comunitaria Javier Tourís, uns premios que repartiron un total de 12.000 euros.  

 No salón de plenos do Pazo provincial déronse cita este luns representantes de comunidades de usuarios auga de toda a provincia, nun acto que comezou coa benvida aos invitados por parte do deputado Javier Tourís. “Hai que premiar e axudar o traballo ben feito”, declarou o responsable de Acción comunitaria para poñer en valor unha pegada de case un milleiro de colectivos atendidos e os preto de 11 millóns de euros mobilizados a través do servizo de Acción Comunitaria da Deputación. Neste sentido, o presidente provincial puxo en valor tamén o traballo realizado polo deputado a prol dos colectivos veciñais da provincia. “El é o artífice de todos estes plans, desde o +Aqua ata o +Novaqua. Non hai semana que non me fale dalgún proxecto, polo que se neste certame houbera unha quinta categoría para a persoa máis preocupada pola atención aos colectivos, non teño dúbida que Javier Tourís sería o gañador”, dixo Luis López nun acto no que tamén estiveron presentes outros deputados do goberno provincial como Jorge Cubela, Paula Bouzós, Ricardo Martínez ou Pablo Castillo.  

 A primeira edición dos premios +Aqua da Deputación distinguiron doce proxectos pertencentes a nove entidades de distintas comarcas da provincia, entre as que destacou a Comunidade de Usuarios de Estás, en Tomiño, distinguida nas catro categorías. Levou o primeiro premio nas categorías de “Mellor traída veciñal para o consumo humano”, na que tamén foron recoñecidas co segundo premio a de Santa Mariña de Sela (Arbo) e, co segundo, a de Calvos (Fornelos). Repetiron triunfo na categoría de “Maior impacto social”, na que o segundo posto foi para Couso (A Estrada) e o terceiro, para Parada e Rocha (Ponteareas). Na categoría de “Iniciativas innovadoras na xestión comunitaria”, o primeiro premio foi para a comunidade de Tortoreos e Liñares (As Neves, o segundo para Barrios de Abelle, Carrertera e Sentín (Vilagarcía de Arousa) e o terceiro, para Estás (Tomiño). Finalmente, no apartado de “Boas prácticas en calidade sanitaria” o primeiro premio levouno a comunidade de usuarios de auga da Igrexa (Caldas de Reis), seguida de Estás (Tomiño) e Parada (Crecente). En total, este primeiro certame +Aqua recibiu un total de 37 solicitudes. Un acto no que os premiados agradeceron o apoio da Deputación e a importancia deste tipo de axudas para garantir un acceso de calidade e sustentable a auga en lugares do rural.  

Máis axudas para as comunidades de usuarios de auga  

 “Os 12.000€ repartidos con estes galardóns non son máis ca un xeito de expresar o noso recoñecemento e apoiar o voso labor”, remarcou López, despois de citar e poñer en valor o labor de cada un dos colectivos recoñecidos. “En territorios onde a auga, máis ben a falta dela, é un problema; nas Rías Baixas temos a fortuna de tela en abundancia, non hai máis que ver como comezou este mes. Pero iso non resolve todos os problemas. Asegurar a viabilidade das captacións, evitar as fugas nos sistemas de abastecemento, mellorar a tecnoloxía, garantir a sustentabilidade ou levar auga sa e de calidade a calquera veciño viva onde viva son numerosos os desafíos e retos que temos por diante. Pero igual que auga, tamén temos en abundancia veciños e comunidades de usuarios comprometidos cunha axeitada xestión deste ben tan valioso e escaso. Un compromiso que merece unha resposta á altura”, declarou o presidente da Deputación para xustificar unha nova convocatoria dos plans +Aqua e +Novaqua para este ano 2026 que inclúen unha nova suba orzamentaria.  

 O Plan + Aqua creado no ano 2024 estará dotado neste 2026 con 1,44M€ para seguir repartindo axudas de entre 6.000 e 10.000€ entre os beneficiarios. Máis de 300.000€ que o ano pasado para superar os 440 colectivos xa atendidos nas dúas edicións anteriores. E o Plan +Novaqua, creado no 2025 para regularizar traídas cunha excelente acollida,  estará dotado este ano con 360.000€, unha suba de 260.000€ para repartir axudas de ata 4.000€ a máis das 70 entidades que xa se viron beneficiadas na primeira edición. “Hai unha máxima que di que o que funciona, non se toca. Pero iso non vai con nós. Nós somos máis de que o que funciona, se reforza. E como as comunidades de usuarios de auga da provincia funcionan e os programas de apoio lanzados pola Deputación tamén funcionan, as convocatorias para este ano 2026 dos plan +Aqua e +Novaqua refórzanse”, explicou o dirixente.  

 Finalmente, Luis López convidou a todos os potenciais beneficiarios destes plans que o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o vindeiro 1 de abril. “Agradecemos e recoñecemos o papel que estades a xogar as comunidades de auga para plantar cara ao reto demográfico desde a sustentabilidade e o ecoloxismo e reafirmamos o compromiso con estas comunidades de auga. O abandono que sufristes durante tanto tempo xa é pasado, agora tedes na Deputación un aliado fiel e un apoio sólido”, concluíu o presidente da Deputación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario