18 de feb. de 2026

GALIZA

A CIG convoca mobilizacións nos centros de saúde en demanda de solucións para a Atención Primaria 

 A central sindical insta a Consellaría a aplicar medidas urxentes no canto de crear novos grupos de traballo sobre planificación e retribucións 



Infogauda / Galiza  

 A CIG ten convocadas mobilizacións nos centros de saúde do país o vindeiro martes 24 de febreiro ás 11:00 horas para demandar solucións ás problemáticas que padece o servizo de Atención Primaria. Dende a central sindical instan a Consellaría a aplicar medidas urxentes no canto de crear novos grupos de traballo sobre planificación e retribucións. 

 A CIG-Saúde lamenta que o departamento autonómico precise máis tempo para decidir que facer coa Atención Primaria -“máis tempo para seguir sen facer nada”- e denuncia que con anterioridade xa se fixeron grupos de traballo “cuxas conclusións están metidas nos caixóns”

 Neste senso, lembra que a central sindical presentou un escrito o pasado 19 de xaneiro no que solicitaba que a Mesa Sectorial abordase con carácter urxente distintas cuestións sobre a atención continuada nos PAC e sobre a atención ordinaria nos centros de saúde. 

 A respecto dos PAC, as propostas pasan por solucionar o problema do cómputo de xornada do persoal, analizar os plans funcionais para que non se superen as 30 atencións urxentes por profesional e quenda e definir novos plans funcionais que contemplen o incremento do persoal necesario de todas as categorías profesionais.  

 No que ten que ver cos centros de saúde, a CIG aposta por establecer axendas de traballo diario en medicina de familia dun máximo de 30 pacientes e de 20 no caso de pediatría, así como elaborar un plan de xestión urxente da sobrecarga das axendas de traballo. E fixar un número máximo de consultas en función da carteira de servizos e das actividades a realizar en todas as categorías do centro.  

 Tamén planificar medidas urxentes e avaliables para eliminar (non cambiar de sitio) a burocracia innecesaria; establecer un cronograma para desenvolver as carteiras de servizo de todas as categorías profesionais que están na Atención Primaria, facendo unha análise dos cupos actuais e das cargas de traballo, incorporando o persoal necesario; sumar novas categorías profesionais que permitan dar mellor servizo á cidadanía; e definir os criterios para as ratios de profesionais das áreas administrativas e incrementar as prazas necesarias en función das cargas de traballo e da demanda dos centros de saúde. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario