BALONMÁN FEMININO
O Guardés repetirá contra o Beti-Onak en cuartos de final da Copa da Raíña 2026
• O sorteo da fase final voltou a emparellar ao equipo baixomiñoto en cuartos de final co seu rival da pasada edición, o Replasa Beti-Onak navarro, contra o que caeu eliminado
• As cadetes loitarán polo pase á final da Minicopa cos seus rivais do Grupo A: KH-7 Granollers, Oyonesa Sporting A Rioxa e Rocasa Gran Canaria
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés xa coñece o seu destino para a fase final da Copa da Raíña 2026. Destino perigosamente similar ao da pasada edición, pois o sorteo da fase final da competición celebrado este martes en San Sebastián emparellou ao equipo baixomiñoto en cuartos de final co seu mesmo rival de 2025: o Replasa Beti-Onak, quen foi capaz de eliminalo e avanzar ata a final da competición. Nesta ocasión, o conxunto da Guarda espera cambiar o seu rumbo nesta primeira eliminatoria prevista para o venres 8 de maio no multiusos de Illunbe.
Tras vencer con esforzo ao Balonmán Morvedre na segunda fase do torneo copeiro (25-27) o pasado 4 de febreiro, as de Ana Seabra prepáranse xa para o próximo banzo. O novo obxectivo é un vello coñecido, un Replasa Beti-Onak perigoso que o ano pasado fixo historia chegando á final da competición na primeira ocasión que lograba pasar da segunda rolda. Foi o subcampionato, obtido tras caer naquel encontro definitivo contra o Super Amara Bera Bera, o que este ano lle outorgou unha praza directa na fase final, polo que a súa cita co Guardés o vindeiro venres 8 de maio supoñerá a súa estrea na Copa da Raíña 2026.
Precisamente a pasada edición, o equipo de Villava foi responsable de poñer un amargo final ao soño copeiro baixomiñoto. Aquel primeiro encontro de cuartos de final foi moi esixente e incómodo para as guardesas, que non acabaron de atopar o seu sitio ante un rival que chegaba sen nada que perder e terminou por gañalo case todo (26-22). Este ano, o obxectivo será sacarse a espiña ante un conxunto que ameaza con ser o talón de Aquiles das de Seabra, e contra o que xa demostrou un desempeño máis favorable no curso actual.
Aprazado o encontro de décimo novena xornada ligueira previsto precisamente para a pasada fin de semana, a última cita entre ambos os conxuntos remóntase ao mes de outubro na Sangriña, culminando cunha folgada vitoria local tras dominar todo o partido (29-21). Pero desde aquel momento, coa nova Liga con apenas seis xornadas de vida, as cousas puideron cambiar moito en ambos os bandos, polo que o partido pendente que se xogará o próximo 10 de marzo achegará información moi valiosa de fronte ao decisivo duelo copeiro. Dous meses despois, o único seguro é que ambos chegarán con ganas de seguir facendo historia.
O gañador do encontro atopará rival para semifinais no vencedor da parella formada por Rocasa Gran Canaria e KH-7 BM Granollers, protagonistas do terceiro partido de cuartos de final e cos que comparten a marxe dereita do cadro da competición. Os catro emparellamentos, por tanto, son os seguintes:
Super Amara Bera Bera – Caixa Rural Aula Valladolid (marxe esquerda)
Elda Prestixio – Grafometal Sporting A Rioxa (marxe esquerda)
Rocasa Gran Canaria – KH-7 BM Granollers (marxe dereita)
Replasa Beti-Onak – Mecalia Atlético Guardés (marxe dereita)
Ana Seabra: “O Beti é un equipo que nos custa sempre moito e está a crecer. Temos moito respecto pero tamén unha espiña”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, tamén estivo presente en San Sebastián este mediodía. Ante o resultado do sorteo, indicou que “si, claro” que hai ganas de desquite, pero apuntando que “o Beti é un equipo que nos custa sempre moito polo seu persoal e pola súa calidade, e o que fixo tanto na última tempada, como nesta aínda máis, demostra que está a crecer de verdade”. A técnica puxo en valor a dureza do seu rival de cuartos, insistindo en que as súas teñen “moito respecto” pero lembrando que tamén “temos unha espiña aí” do ano pasado, e para quitala “queremos competir, facer o noso e estar ben, poque vai ser un partido distinto”. En calquera caso, Seabra deixou claro que o equipo baixomiñoto fará todo o posible por cumprir con “a ilusión de seguir adiante”.
Con respecto ás claves para este duelo, a preparadora baixomiñota remitiu á cita entre ambos a pasada edición. Para Seabra, será necesaria “moita concentración”, xa que o partido “definirase en detalles” tal e como sucedeu o ano pasado. “A efectividade custounos moito en todos os partidos que xogamos contra elas, e na última Copa foi o que nos custou o pase a semifinais”, explicou a adestradora, para a que o Beti-Onak, pola súa banda, estivo “incrible” no ultimo torneo copeiro, destacando pola súa regularidade. En definitiva, o obxectivo seguirá sendo volver pelexar e competir para levar este primeiro partido, que en palabras da técnica, “define o resto” e é o primeiro no que hai que pensar e preparar.
María Sancha: “Creo que estamos a facer unha boa tempada, pero esta é unha competición totalmente diferente e será un 50-50”
A capitá do Guardés, María Sancha, valorou ante o equipo de prensa da Federación o resultado do sorteo celebrado este mediodía en San Sebastián. Sobre a preparación do equipo para o reto copeiro, a palentina opinou que “estamos a facer unha boa tempada, como se ve na clasificación”, pero destacando que “para min esta é unha competición totalmente diferente, é o torneo do K.O. e a un partido, son 60 minutos e é un 50-50 de posibilidades, ninguén sabe o que pode pasar”. O ano pasado, foi o equipo navarro o que deu a sorpresa, e nesta nova cita Sancha indicou que “nós daremos todo o que estea da nosa parte para gañar”.
“A verdade é que estaba a mirar o bombo e non quería que me tocase ningún”, chanceou a capitá baixomiñota sobre o resultado do sorteo. En canto ao Beti-Onak, Sancha lembrou que a de ano pasado “foi unha derrota moi dura para o equipo”, e afirmou que ten “unha espiña” desde entón. A primeira liña encomiou, por último, o papel que este rival vén realizando ultimamente, destacando que “teñen un equipazo e preparan os partidos de forma incrible”, e esperando á resolución do seu partido aprazado para ver “como estaremos” e en que momento chegarán ambos de maneira máis próxima á Copa.
Granollers, A Rioxa e Rocasa, rivais do Grupo A de as cadetes na Minicopa
Ao sorteo da XLVII Copa da Raíña celebrado esta mañá precedeuno o sorteo de grupos da Minicopa, competición paralela que disputan os homólogos de categoría cadete dos equipos participantes no torneo. O Mecalia Atlético Guardés foi enmarcado no Grupo A, que comparte con KH-7 BM Granollers, Oyonesa Sporting A Rioxa e Rocasa Gran Canaria; mentres que o Grupo B confórmano Atarrabia Beti-Onak, Lacturale Bera Bera, Cavidel Aula Valladolid e Elda Prestigio.
A mecánica da competición cadete é a seguinte: os rivais dun mesmo grupo enfrontaranse entre si a partido único, con tres encontros repartidos entre o venres 8 e o sábado 9 de maio. O domingo 10, os líderes de cada grupo xogarán a final polo título da Minicopa 2026, que se celebrará no mesmo multiusos de Illunbe antes da gran final das maiores.


Ningún comentario:
Publicar un comentario