11 de feb. de 2026

BAIONA

A Xunta de Galicia pon en marcha en Baiona un proxecto piloto para deseñar estratexias locais de economía social aliñadas coas necesidades do territorio 

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta tarde na primeira xornada participativa celebrada no concello pontevedrés, que reuniu a axentes sociais, económicos e comunitarios do municipio  

 Esta iniciativa, promovida polo Goberno galego, ten como obxectivo achegar a economía social ao territorio e apoiar ás entidades locais no deseño de estratexias propias, adaptadas ás súas realidades sociais, económicas e produtivas  

 Mariño salientou as oportunidades que ofrece este modelo en ámbitos como o emprendemento colectivo, a xeración de emprego, a contratación responsable e o fortalecemento do tecido local


Infogauda / Baiona

 A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta tarde na xornada participativa celebrada en Baiona no marco do proxecto piloto impulsado pola Xunta para a elaboración de plans locais de economía social en distintos concellos galegos. O encontro reuniu axentes sociais, económicos e comunitarios do municipio co obxectivo de coñecer a súa visión sobre a economía social e avanzar en conxunto na definición do futuro Plan Local de Economía Social de Baiona.  

 Esta iniciativa autonómica busca achegar a economía social ao territorio e apoiar as entidades locais no deseño de estratexias propias, adaptadas ás súas características sociais, económicas e produtivas. Tal e como sinalou Marta Mariño, a finalidade é dotar aos concellos de ferramentas e acompañamento que lles permitan converter a economía social nun eixe estratéxico de desenvolvemento, aproveitando as oportunidades que ofrece en ámbitos como o emprendemento colectivo, a creación de emprego, a contratación responsable e o fortalecemento do tecido produtivo. Ademais, puxo en valor que no marco deste piloto —que tamén se iniciará en Ribadavia e con vontade de continuidade noutros concellos— ofrécese asesoramento especializado aliñado tanto coa Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 27 como coa Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia.  

 Con este proxecto, a Xunta reafirma o seu compromiso coa economía social como motor de cohesión social, innovación e creación de emprego estable, consolidando un modelo de desenvolvemento que nace do ámbito local e contribúe ao fortalecemento do conxunto de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario