O BNG DENUNCIA IRREGULARIDADES NA XESTIÓN DO ALCALDE DA GUARDA E O SEU GOBERNO
Anxo Lois Baz (BNG): “En só tres meses hai gastos por un valor de 662.000 € que non se axustan a legalidade. Un deles corresponde ao pago por unha entrevista nun medio de comunicación”
Infogauda / A Guarda
“A campaña de publicidade permanente do alcalde da Guarda, Roberto [José Álvarez] Carrero, contradise claramente co xeito de proceder na práctica del e do seu goberno”. Así “o evidencia a denuncia feita polo portavoz municipal do BNG”, Anxo Lois Baz Vicente, que afirma que “nos meses de setembro, outubro e novembro de 2025 hai gastos por un valor de 662.000€ que non se axustan a legalidade”.
O nacionalista indicou “estas irregularidades corresponden a subvencións encubertas, gastos protocolarios sen tramitación, compra de entrevistas a un medio de comunicación ou contratos que non se axustan a lei tal e como corroboran os informes municipais”.
Baz considera que “as prácticas do alcalde da Guarda caracterízanse pola falta de transparencia e de rigor, e en moitas ocasións por un desprezo absoluto da legalidade. Esta maneira de proceder é a marca de identidade do Sr. Carrero desde a súa chegada ao goberno. Lembremos que a día de hoxe, aínda non foi quen de explicar a que bolsos foron parar os cartos recadados no tren turístico contratado irregularmente”.
“Desde o BNG non imos tolerar estas maneiras de proceder e denunciarémolas sempre que se produzan, porque danan seriamente o bo funcionamento das institucións” concluíu o portavoz nacionalista.

Ningún comentario:
Publicar un comentario