Roberto José Álvarez Carrero acusa ao BNG de “retorcer a realidade” do padrón para agochar que cos gobernos de esquerda perdéronse 468 veciños nunha década
• O alcalde lembra que o fío dos 10.000 habitantes é unha cuestión estrutural e o concello coqueteou coa perda deste listón sete veces nos últimos trinta anos, polo que lle pide a Anxo Baz “que se poña a traballar en positivo e deixe de enlear”
Infogauda / A Guarda
O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, vén de acusar ao grupo municipal do BNG de “retorcer a realidade” do padrón municipal para agochar os 16 anos de gobernos de esquerda (2007-2023) –dos que o BNG formou parte ou apoiou– e as súas políticas foron os principais causantes do retroceso do censo, xa que se perderon 468 veciños nunha soa década.
“Todos sabemos que o fío dos 10.000 habitantes é unha cuestión estrutural do noso concello, que baixou ata sete ocasións (anos 96, 98, 99, 01, 19, 21 e 23) nos últimos trinta anos con gobernos de todas as cores políticas polo que non se pode culpar a este executivo, que só leva 30 meses, da herdanza de 16 anos de esquerdas”, manifestou o rexedor.
Roberto José Álvarez Carrero explicou que o Concello está tratando de reverter a mala dinámica, “pero loxicamente non é algo que se faga dun día para outro como entenden todos os veciños”. Máis alá da baixada do censo en 2025 –similar á dun concello do BNG como Tomiño– ata 9.970 persoas, xa houbo algúns brotes verdes coa suba do primeiro ano do seu goberno, “na que o padrón pasou dos 9.998 habitantes que nos deixou o anterior executivo a 10.041”.
“Hai bos indicios para que A Guarda recupere a puxanza e consolide o listón dos 10.000, pero a fixación desta importante cifra é complexa e pode sufrir altibaixos, aínda que temos datos que apuntan que imos na boa dirección”, detallou o alcalde, que destacou o incremento da poboación estranxeira nos últimos tres anos de 532 a 700, un 70% deles menores de 55 anos e un 30% por debaixo dos 30; así como o dinamismo comercial e económico que se percibe no incremento de licenzas para obras e negocios.
“Levamos dous anos e medio traballando para construír unha Guarda cunha economía forte e un turismo desestacionalizado para facer atractiva a nosa vila e fixar poboación. Os anteriores gobernos non conseguiron sacar adiante propostas ou medidas para asentar o padrón, mentres que agora, malia a caída xeral de nacementos de toda España, a poboación estranxeira elixe a nosa vila para establecerse, polo que lle pediría a Anxo Baz que se poña a traballar en positivo pola Guarda e deixe de enlear”, concluíu o alcalde.

Ningún comentario:
Publicar un comentario