Un grupo de docentes péchase no IES Politécnico de Vigo para demandar melloras no ensino público
No encerro participan tamén familias e alumnado da comarca que teñen como obxectivo común a redución de ratios; a mellora na atención á diversidade coa dotación de máis persoal, medios e desdobres; o incremento da oferta pública de materias optativas na ESO e Bacharelato, de ciclos de FP e de ensinanzas de réxime especial; a humanización do ensino totalmente burocratizado e un menor horario lectivo para mellorar a calidade educativa.
Infogauda / Vigo
Ás seis da tarde deu comezo un dos 15 peches reivindicativos que a CIG-Ensino e STEG, organizacións que representan unha ampla maioría do profesorado, organizan durante estas dúas semanas para descentralizar o conflito laboral que manteñen coa Consellaría nos propios centros educativos. Esta iniciativa ten como obxectivo chamar a atención do conselleiro Román Rodríguez que, cinco xornadas de folga despois, négase a sentar a negociar melloras tanto nas condicións de traballo docentes como no ensino público en xeral. A intención é pasar a noite e realizar mañá mércores, 28 de xaneiro, un acto informativo coincidindo co horario de entrada e o inicio das actividades lectivas.
Asemblea aberta, debate sobre a folla de ruta a seguir, elaboración de material reivindicativo, posta en común con representación de familias e alumnado... Son algunhas das actividades que teñen lugar a esta hora no IES Politécnico convertido hoxe nalgo máis que un centro educativo. Despois de que no primeiro trimestre as organizacións convocantes das mobilizacións que levaron á convocatoria de 5 días de folga, marchas fúnebres, manifestacións e o enterro simbólico do ensino público realizaran 6 peches con moi bo resultado de afluencia e de repercusión, amplíase esta iniciativa e espállase polo territorio galego nunha estratexia de descentralizar o conflito até o máximo nos centros de ensino. Así, os centros convértense en espazo de confluencia entre toda a comunidade educativa e de posta en común das necesidades converxentes de profesorado e alumnado.
A secretaria comarcal da CIG-Ensino, Tamara Martínez, explicaba en declaracións aos medios que “o obxectivo desta medida é chamar a atención ante o desprezo da Consellaría que segue sen atender a voz maioritaria do profesorado galego, representada polas dúas organizacións sindicais que lideran as mobilizacións desde comezos de curso”. “O noso obxectivo neste momento é sumar ás familias e ao alumnado á que é a causa de todo o ensino público -engade-, porque cando estamos falando de que non hai profesorado de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe ou persoal orientador suficiente estamos evidenciando a gran carencia nestes momentos no sistema educativo galego que obriga aos centros a decidir que alumnado se atende e cal non. Cando non se autorizan desdobres nin se cumpren as raquíticas medidas incluídas no acordo de melloras, ampliando as ratios por riba do permitido ou agrupando varios niveis por riba do incluído tamén no acordo de agrupamentos, o que sae perdendo é alumnado máis vulnerábel, a igualdade de oportunidades e unha sociedade máis xusta”.
Este tema, xunto coa redución de ratios, a eliminación da burocracia e a aposta pola oferta pública en todas as etapas educativas e o rexeitamento á cada vez maior penetración do sector privado na educación son os puntos en común que se están a abordar coa representación das familias e do alumnado. A Confederación Anpas Galegas e o sindicato estudantil Erguer apoiaron esta medida.
Concentración á hora da entrada
Mañá mércores, a primeira hora terá lugar unha concentración coincidindo co inicio da actividade lectiva á que CIG-Ensino e STEG animan a unirse a toda a comunidade educativa coa que tamén se queren visibilizar estas carencias e esixirlle á administración que atenda o clamor de familias, profesorado e alumnado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario