29 de xan. de 2026

VIGO

O sector do transporte de viaxeiros/as por estrada da provincia de Pontevedra, abocado ao conflito pola actitude intransixente da patronal 

• A CIG proporá mobilizacións se non se producen avances na próxima xuntanza de negociación do convenio, prevista para este luns 2 de febreiro 


 A CIG considera imprescindible chamar á mobilización como única vía para desbloquear o convenio e defender uns dereitos laborais xustos
Foto: CIG


Infogauda / Vigo 

 Logo de tres meses de negociación e media ducia de reunións, o acordo para renovar o convenio de persoas viaxeiras por estrada da provincia de Pontevedra segue moi lonxe pola actitude intransixente da patronal, que insiste en achegar “propostas reais” que permitan mellorar as condicións laborais. Polo que a CIG proporá a celebración de asembleas para elaborar un calendario de mobilizacións no caso de que non se produzan avances na próxima xuntanza da mesa negociadora, prevista para este luns 2 de febreiro.  

 “Semella que nada vai mudar na no vindeiro encontro tendo en conta a posición inmobilista do empresariado, polo que dende a FGAMT-CIG trasladarémoslle ao resto de centrais sindicais que forman parte da mesa de negociación do convenio a convocatoria de asembleas de persoas traballadoras que sirvan para elaborar un calendario de mobilizacións e de paros no sector”.  

 Xa que a falta de avances, a negativa a atender as “xustas reivindicacións” do persoal e a ausencia de “propostas reais” por parte da patronal “fan imposíbel” calquera acordo que mellore as condicións laborais. “Esta actitude irresponsable bloquea a negociación e amosa unha absoluta falta de vontade para dignificar o sector”.   

 Ante esta situación, a CIG considera imprescindible chamar á mobilización como única vía para desbloquear o convenio e defender uns dereitos laborais xustos. “Desgraciadamente estamos diante dunha patronal irresponsable e dunha Xunta de Galiza incapaz, que ten o sector sumido no máis absoluto abandono e deterioro”.  

 Neste senso, lembran o que está a acontecer no sector na provincia da Coruña, onde o bloqueo do convenio xa motivou varias xornadas de paros e o anuncio dunha folga indefinida a partir deste luns día 2 no caso de que non se producen avances na negociación. “Está claro que ao Goberno galego pouco ou nada lle importan as persoas usuarias do transporte público”, rematan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario