Luis López anuncia a obra gañadora do primeiro Premio Castelao de Textos Teatrais: “Khora”, unha creación do autor Jose Luís Baños de Cos ambientada en Vigo
• O mandatario provincial presidiu a reunión do xurado na que se escolleu, por unanimidade, a obra gañadora dun certame que busca promover a cultura e lingua galegas, impulsar o teatro e honrar a figura e o legado de Castelao
Infogauda / Pontevedra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de anunciar este xoves a obra gañadora do primeiro Premio Castelao de Textos Teatrais, que o levou Jose Luis Baños de Cos pola súa obra “Khora”, ambientada na cidade de Vigo e que leva por lema “O espazo que habito”. Este novidoso certame impulsado pola Deputación para poñer en valor a figura do intelectual galego e seguir impulsando a cultura e lingua galegas foi un completo éxito de participación cun total de 43 obras presentadas.
“Este premio naceu cunha tripla finalidade. En primeiro lugar, para a protección, promoción e difusión da lingua galega e da nosa cultura. Tamén, como un novo instrumento de apoio ao sector da cultura, concretamente do teatro, ao que xa estamos a impulsar tamén co primeiro circuíto provincial de artes escénicas, +Escénicas. E, en terceiro lugar, enmarcámolo nos actos de conmemoración do 75 aniversario do pasamento de Castelao. Un fito que terá neste 2026 o seu broche de ouro, coa exposición por primeira vez na provincia, no Museo, da “Derradeira lección do Mestre” logo da viaxe a Arxentina do vicepresidente Rafa Domínguez, o deputado de Cultura, Jorge Cubela; e máis eu para pechar a súa cesión”, explicou o mandatario provincial o nacemento duns premios que terán continuidade este ano, pois xa están en marcha os preparativos para a segunda edición.
No Pazo provincial, despois de varios encontros do xurado para seleccionar as propostas finalistas, tivo lugar este xoves tivo lugar a reunión decisiva. Presidido polo presidente Luis López e integrado por cinco persoas de recoñecido prestixio e traxectoria nos eidos da literatura, o teatro, a docencia e as institucións culturais, o xurado escolleu por unanimidade a obra “Khora” como merecedora deste primeiro premio Castelao, dotado con 12.000 euros. “A temática social, que amosa problemas do noso tempo; a calidade na escrita reflectida a través dos diálogos e da caracterización das personaxes; e a axilidade da súa estrutura”, foron os argumentos esgrimidos polo xurado para elixir a peza do dramaturgo Jose Luis Baños de Cos.
Despois de felicitar ao gañador, ao que a Deputación xa lle comunicou a nova, e recoñecer o extraordinario traballo do xurado para ler e analizar as 43 obras presentadas, Luis Lopez reafirmou o compromiso do organismo provincial para seguir impulsando tanto a ligua e a cultura galegas, como a figura e o legado de Castelao.

Ningún comentario:
Publicar un comentario