27 de xan. de 2026

A GUARDA

O alcalde da Guarda aposta polo deporte co fin do Gran Camiño na nosa vila  

A última etapa dará comezo no concello das Neves e rematará na Guarda   


O presidente e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luis López e Luisa Sánchez; os exciclistas Óscar Pereiro e Ezequiel Mosquera; o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso; o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e os concelleiros Aser Estévez Cividanes e Celso Rodríguez Fariñas, no acto de presentación da última etapa da proba ciclista O Gran Camiño, 2026
Fotos: D.PO.


Infogauda / A Guarda

 Na sede da Deputación de Pontevedra, na cidade de Vigo, esta mañá presentouse a etapa final da proba ciclista O Gran Camiño, que terá o seu gran final na Guarda.   

 O acto contou coa asistencia do presidente e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luis López e Luisa Sánchez; os exciclistas Óscar Pereiro e Ezequiel Mosquera; o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso; o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e os concelleiros Aser Estévez Cividanes e Celso Rodríguez Fariñas.

 Este ano, O Gran Camiño será do 14 ao 18 de abril tras arrancar en Portugal e percorrer o resto de provincias galegas; para na última xornada comezar no concello das Neves e rematar na Guarda. 


O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, nun momento da súa intervención
 

 O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, asegura que “este é un exemplo claro da aposta polo deporte na nosa vila”, sobre todo, “nunha proba que combina deporte, historia, patrimonio e paisaxe”.   

 O gañador dun Tour de Francia, Óscar Pereiro, destacou que “hai unha gran afección e práctica do ciclismo na Guarda, que se pode ver cada fin de semana”. Ademais, o director do Gran Camiño, Ezequiel Mosquera, confesou que “non houbo dúbida ao elixir un substituto a Santiago como fin de etapa, xa que A Guarda encaixa como concello con carga simbólica e histórica”.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario