27 de xan. de 2026

O ROSAL

A música toma a biblioteca do Rosal para desfrutar en familia   

 Aberta a inscrición para participar con Liliescuela, no obradoiro musical dos Venres Rebuldeiros o sábado 7 de febreiro 

 


Infogauda / O Rosal 

 No Rosal, a cultura non se limita a escoitar: vívese, compártese e séntese desde ben a infancia. A biblioteca municipal volverá converterse nun espazo cheo de son, emoción e descubrimento cunha nova sesión dos Venres Rebuldeiros, unha iniciativa coa que o Concello aposta polo lecer educativo e pola cultura en familia. 

 Nesta ocasión a cita será o sábado 7 cunha proposta diferente, un obradoiro de música en familia con Liliescuela, un encontro pensado para acompañar aos nenos e nenas de 0 a 3 anos no desenvolvemento das súas capacidades musicais innatas, tanto auditivas como rítmicas. A actividade celebrarase en dúas quendas, ás 11.00 e ás 12.00 horas, e contará coa participación dos pequenos e pequenas acompañados dunha persoa adulta, favorecendo unha experiencia compartida de aprendizaxe e vínculo. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia deste tipo de propostas, sinalando que “apostar pola música e pola cultura desde a primeira infancia é apostar por un desenvolvemento integral das nenas e nenos, pero tamén por crear momentos de encontro e conexión entre as familias”. A rexedora subliñou que “estas actividades axudan a construír un Rosal máis participativo, no que a cultura chega a todas as idades e se vive de maneira próxima e accesible”. 

 O obradoiro será de balde, aínda que a súa participación requirirá inscrición previa chamando ao teléfono do Concello 986 650 000. 

 Con iniciativas como os Venres Rebuldeiros e os obradoiros en familia, o Concello do Rosal continúa reforzando a súa aposta por unha programación cultural inclusiva, educativa e pensada para desfrutar xuntos, facendo da biblioteca un lugar vivo no que a música, a aprendizaxe e a convivencia van da man.

Ningún comentario:

Publicar un comentario