As redeiras da Guarda fórmanse para poñer en valor o seu oficio e o sector pesqueiro guardés
• Atadeiras é un proxecto a través do cal as redeiras do Baixo Miño visibilizarán o seu oficio, imprescindible para a pesca
Infogauda / A Guarda
A asociación de redeiras do Baixo Miño – Atalaia, entidade con sede no porto da Guarda componse na actualidade por cinco mulleres que tomaron o relevo da profesión tecendo volantas e lampreeiras, mantendo este oficio tradicional e reinventándoo despois de máis de vinte anos de asociacionismo profesional.
Malia ser un oficio imprescindible nos portos pesqueiros, son conscientes de que a súa figura é aínda unha gran descoñecida. Por este motivo decidiron poñer en marcha o proxecto Atadeiras, co obxectivo de mellorar as súas capacidades asociativas e aumentar a súa visibilidade.
Despois de desenvolver un programa formativo para mellorar as habilidades de comunicación, obradoiros participativos sobre a evolución do sector pesqueiro guardés, e de trazar unha liña do tempo da asociación, chega o momento de transmitir á veciñanza este patrimonio inmaterial que constrúen oo porto da Guarda.
Ao longo do 2026 as redeiras desenvolverán encontros na súa nave, onde darán a coñecer o oficio das redes e estrearán as melloras na infraestrutura. Así mesmo, as persoas que visiten a nave nos encontros poderán consultar os paneis informativos que recollerán a historia, as fotografías e as testemuñas do sector pesqueiro e das redeiras.
Atadeiras conta co financiamento do GALP Ría de Vigo – A Guarda.


Ningún comentario:
Publicar un comentario